
A Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria convoca este galardón coa intención de espertar nos rapaces e nas rapazas o espírito creativo e capacidade innovadora. Para concursar, o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria e de Bacharelato pode presentar, individualmente ou en equipos de ata tres persoas, ideas de novos produtos ou servizos ou formas diferentes de producir algo xa existente. Do total de traballos presentados, que nesta edición foi de 168, seleccionáronse como finalistas oito de cada categoría, entre os que se conceden un primeiro premio, un segundo premio e seis accésits.
Pablo Dobarro, gañador na categoría de 12 a 15 anos, recibiu un ordenador portátil e un lote de material divulgativo, mentres que Laura Naveiras e Sara Mera, ao participar en equipo, recibiu cadanseu mini-portatil así coma libros de divulgación científica. Os segundos clasificados e os demais finalistas recibiron igualmente material informático e electrónico, sen que ningún participante marchase coas mans baleiras.
Ao rematar o acto de entrega, os mozos e mozas achegáronse un pouco máis á ciencia e á innovación cunha visita aos laboratorios do Servizo de Apoio á Investigación (SAI) da Universidade da Coruña (UDC) e a empresas do viveiro da UDC.
Handtracking e enxizador automático
Pablo Dobarro acadou o primeiro posto da categoría de 12 a 15 anos grazas ao seu Handtracking, un sistema de control de ordenadores e videoconsolas mediante o movemento e a posición espacial dunha man. O sistema destaca por ser sinxelo no manexo e permitir, porén, unha gran variedade de funcións. Aínda que existen sistemas profesionais con estas características, o seu custo é elevado e non están ao alcance da meirande parte dos usuarios.
O sistema consta dunha unidade central e dunha luva. Para o desenvolvemento da unidade central, Pablo Dobarro baseouse no funcionamento do mando da consola Wii de Nintendo. Deseñou así unha caixa de madeira na que se integran este mando, un espello e uns leds. Co bluetooth, estes datos chegan ao ordenador e mediante un software determinado, tradúcense en ordes para o desprazamento do rato, clicks, teclas, etc.
O segundo premio correspondeu a Pablo Paz Olivares, alumno do IES Val do Tea de Ponteareas (Pontevedra), grazas ao deseño dun enxizador automático para tacos de billar. O invento consta de dous compartimentos diferenciados. No traseiro estaría o xiz e o mecanismo que automatiza o proceso de enxizar, e na parte dianteira, deseñado en forma de V ou de embudo, de maneira que o usuario ao introducir o taco atine directamente co lugar no que está o xiz, inclúe un pequeno caixón extraíble para recoller os restos de xiz.
Indicador acuático asonoro e luminoso
Na categoría de 16 a 18 anos, o grupo formado por Laura Naveiras e Sara Mera acadou o primeiro premio grazas ao “Waterlight”, un indicador acuático con sinais luminosas e de radiofrecuencia que substitúe as boias tradicionais. A particularidade desta boia é que se activa mediante un sistema automatizado que non precisa da man do home para a súa posta en marcha.
No Waterlight tamén cambia a disposición dos elementos da boia: mentres que o habitual é poñer a batería e a radiobaliza na parte superior da boia para activala, neste invento os dous elementos, ao ir mergullados, están situados na parte inferior, dentro dun armazón hermético. A batería e a radiobaliza están conectados coa lámpada e máis coa antena que emiten os sinais. Como medida de aforro de enerxía, en ambos casos os sinais son intermitentes e, no caso das luminosas, soamente se activan cando non hai luz.
Iván Aguión, Radu Adrián Dumitru e Borja Sanmiguel, do IES Universidade Laboral de Ourense, son os gañadores do segundo premio nesta categoría, recoñecemento que acadaron grazas ao seu detector de metais para fornos microondas. Neste invento, un sistema magnético colocado na porta do forno detecta que se están a introducir obxectos metálicos e avisa mediante o acendido dunha luz led.

