O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, foi o escenario escollido hoxe por AETIC, a Asociación de Empresas de Electrónica, Tecnoloxías da información e Telecomunicacións de España, para dar a coñecer o seu manifesto, A solución é dixital, que ten como principal obxectivo, sentar as bases para “cambiar o noso modelo económico cara o da Sociedade da Información, aproveitando o momento actual de crise económica para facelo”.
O acto, no que interviron por este orde: Rafael Valcarce Baiget, presidente do consello territorial de AETIC en Galicia, Jesús Banegas Núñez, presidente de AETIC, e as representantes do goberno galego, Ana María Díaz López, directora xeral de Formación e Colocación e María del Mar Pereira Álvarez, secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, serveulle á entidade para dar a coñecer a idea principal e condutora deste manifesto presentado hoxe: “aproveitar a crise para cambiar o noso modelo económico cara o da Sociedade da Información”.
Neste senso, o presidente de AETIC, Jesús Banegas, fixo fincapé na súa intención de “pretender mover aos cidadáns dende o temor ata a esperanza, da man das TIC”, algo que é posible, segundo engadiu, “investindo, entre outras cousas en infraestruturas das telecomunicacións fixas e móbiles, en maiores e mellores equipamentos eTIC nos nosos fogares, e no impulso da nosa oferta nacional de tecnoloxía e contidos”.
O manifesto indica que o desenvolvemento da Sociedade da Información está a demostrar en todo o mundo ser a opción máis axeitada para acadar “unha economía produtiva competitiva e eficaz”, e neste aspecto detívose a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, facendo fincapé na necesidade e no compromiso da entidade que representa de “impulsar e axudar a aquelas empresas que xeneren emprego e moito máis a aquelas que apoian as novas tecnoloxías e a formación en TIC”.
Este sector, que representa unha actividade de 100.000 millóns de euros anuais e 350.000 empregos directos, é, segundo verbas de Banegas Núñez, “un sector responsable e solvente, capaz de ser un dos piares da transformación do noso modelo económico”, algo que quere dar a entender a través da difusión deste manifesto.
O tratado, que conclúe dando conta dunha serie de medidas a adoptar para sair da crise por medio das eTIC, asegura que nos vindeiros cinco anos, “os investimentos en novas tecnoloxías deberán incrementarse en 5.000 millóns de euros anuais”, para dese xeito, continúa, “crear 500.000 postos de traballo e sentar as bases dunha recuperación sostida e sostible”.
O obxectivo, dende logo, non é doado de acadar, porén, segundo palabras do presidente don consello territorial de AETIC en Galicia, Rafael Valcarce, “estamos no bo camiño e o noso reloxio tecnolóxico está en hora”.
AETIC desvela as claves para saír da crise: A solución é dixital
Compartir Este Artigo

