
Guerra asume a presidencia da entidade, mentres que o director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla, pasa a ocupar o cargo de vicepresidente e conselleiro delegado. A substituta de Capilla, anterior director da Tecnópole, será Luisa Pena Nieto, que ata o de agora viña desempeñando a función de directora de Administración e Finanzas na entidade.
Pena Nieto (Santiago de Compostela, 1969) leva quince anos vinculada ao Parque Tecnolóxico de Galicia, no que comezou a súa carreira profesional. Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, a nova directora da Tecnópole conta cun Máster en Recursos Humanos pola USC e a Universidad Pontificia de Comillas.
Na reunión do Consello de Administración aprobáronse tamén as solicitudes das trece primeiras empresas que pediron desenvolver a súa actividade no novo espazo de innovación multisectorial para o emprendemento do Parque Tecnolóxico de Galicia, o denominado Tecnópole I. No espazo de innovación multisectorial do novo espazo instalaranse cinco empresas do entorno das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC). Trátase de Esabe Informática Distribuída, de servizos de seguridade informática; Aurianet, de consultoría informática e desenvolvemento web; IDEIT, de enxeñería de software; Conexiona Telecom, de desenvolvemento de software no contorno das comunicacións e telefonía vía IP; e Enyiris, que combina a enxeñería TIC co deseño gráfico.
Á marxe do Tecnópole I, aprobouse tamén a instalación dunha nova empresa en parcela, Estética Dental López, que ten o obxectivo de crear na Tecnópole o maior laboratorio de Galicia en investigación e creación de próteses dentais. Ademais, dúas empresas recén constituídas comezarán a súa actividade na incubadora do Parque Tecnolóxico: Aleuto Medios Dixitais, de realización de produtos audiovisuais, e Asphixia Solutions, enfocada principalmente á implantación do comercio electrónico en empresas.
Javier Guerra asume a presidencia do Parque Tecnolóxico de Galicia
Compartir Este Artigo

