O xornal galego La Voz de Galicia, nun intento por facer que o verán chegue dunha vez por todas á nosa Terra (este ano semella que se resiste máis que nunca) e nos contaxie co bo humor que sempre o caracteriza, vén de darlle aos seus empregados a oportunidade de sair a cubrir as principais festas, romerías, tradicións e ofertas turísticas estivais do noso país para dar conta delas a través de Internet e divertirse á vez que traballan.
Isto, que en principio podería parecer algo habitual e non unha novidade da que dar conta en Código Cero, ten de especial relevancia que a información que recollan os xornalistas de La Voz, será subida á Rede a través dun moblog, un servizo de publicación similar ao weblog que consiste en escribir e actualizar as bitácoras por medio de equipos móbiles (PDAs, Hadhelds ou teléfonos móbiles) dende practicamente calquera momento e lugar.
Xa que logo, durante os meses de xullo e agosto, varios xornalistas deste medio percorrerán Galicia cun móbil na man e “moito enxeño na cabeza” para, segundo afirman os seus responsables, “inmortalizar eses momentos inesquecibles da época de verán e retratar a todos os seus protagonistas” para deixar constancia dos mesmos en Veranomovil, a devandita ferramenta.
Este moblog, que inclúe as seccións de Música, Festas, Vida de Verán e Cancións do Verán, un apartado no que se atopan as melodías que máis están a soar nos chiringuitos esta tempada, tamén permite a participación dos lectores a través da sección, As túas vacacións nun post, na que os convida a compartir as súas experiencias vacacionais a través das súas propias entradas.
La Voz estrea o seu propio moblog de verán
Compartir Este Artigo

