A Escola Galega de Administracións Públicas (EGAP) elaborará os temarios para todos os procesos selectivos convocados pola Xunta de Galicia, segundo anunciou hoxe no Consello da Xunta o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda. Estes temarios, que serán tanto para persoal funcionario como laboral, atoparanse en edición galega e castelán e poderán descargarse ‘en liña’ e sen ningún custo a través da páxina web da Escola. Para este proxecto cóntase cun orzamento aproximado duns 56.000 euros, repartidos entre a súa redacción e tradución.
Alfonso Rueda presentou esta iniciativa a través dun informe, no que deixou claro que non se trata de temarios, respostas ou materiais oficiais, polo que en ningún caso vincularán opositores ou tribunais. Trátase de instrumentos complementarios e contrastados que servirán de apoio e axuda como textos de referencia, pero nunca de forma exclusiva ou excluínte doutros materiais.
A redacción dos temarios será feita por funcionarios públicos do corpo superior e letrados da Xunta de Galicia, avogados do Estado, xuíces e maxistrados, notarios e rexistradores da propiedade e catedráticos e profesores universitarios. Doutra banda, os temarios dos corpos especiais contarán coa colaboración dos diferentes colexios profesionais e cos funcionarios dos ditos corpos que se determinen no seu momento.
Publicación progresiva dos temarios
Os novos temarios estarán á disposición dos empregados públicos de xeito progresivo, en canto vaian rematando os procesos selectivos en marcha, para non causar disfuncións e inseguridades entre os actuais opositores que estudaron outros temas para este proceso. Así, antes de que remate o ano comezarase cos grupos C1, C2 e a agrupación de subalternos, xa que nesas datas rematan os seus procesos selectivos actualmente en marcha. Posteriormente, a medida que rematen os procesos selectivos dos grupos A2 e A1 poranse á disposición dos interesados os seus correspondentes temas.
A elaboración dos temarios pola EGAP era un requirimento constante das organizacións sindicais e do colectivo dos empregados públicos, así como da sociedade en xeral, xa que aos opositores libres lles facilitará enormemente a súa tarefa ao dispoñer por fin duns temarios de referencia -aínda que en ningún momento teñan carácter oficial- e lles proporcionará unha garantía de fiabilidade dos temas utilizados na súa preparación.
Ademais, o informe tamén indica que os temarios facilitarán a selección e promoción interna do persoal ao poñer á disposición dos interesados un material de calidade redactado por persoal propio das administracións públicas e de recoñecida autoridade.

