Blusens Music, o selo dixital creado pola multinacional galega Blusens Global Corporation, do que falamos en Código Cero ben antes de entrar o verán, semella que definitivamente vai comezar a funcionar en breve, e logo de facernos agardar por el preto de medio ano, os seus responsables anuncian un acordo de colaboración con The Orchard, unha distribuidora norteamericana de música en Internet e a través do móbil para comercializar o catálogo de Blusens Music nas principais tendas dixitais do mundo.
Deste xeito, Blusens Music, que se pretende convertir nun punto de encontro na Rede no que os usuarios poidan compartir as súas preferencias musicais con outros internautas e cos propios artistas para que estes teñan infomación directa sobre os gustos dos seus seguidores, vai ter presenza en máis de 250 tendas legais de descargas e subscrición por Internet, e verase apoiado con accións de mercadotecnia a promoción dos seus artistas por parte da entidade norteamericana.
Segundo vén de anunciar a responsable de Blusens Music, Eva Perales, o selo foi creado “para dar a coñecer artistas locais a nivel internacional”, como é o caso de Cornelius 1960, a aposta actual de Blusens Music, que será o primeiro grupo que se beneficie da forza comercial de The Orchard.
As dez cancións do disco 1960, xa están á venda nas principais tendas dixitais de todo o mundo, como iTunes, e agora, co pulo da entidade coa que veñen de asinar o convenio de colaboración, Blusens poderá lanzar a outros artistas locais ao mercado da música en soporte dixital, un campo que, segundo palabras de Perales, “non deixa de medrar”. “Neste senso”, continúa, “todos os xogadores do sector somos conscientes da importancia dunha boa rede de distribución dos contidos”, algo que sen dúbida, grazas ao apoio de The Orchard, poderán acadar sen demasiado problema xa que, na actualidade, esta firma suministra do redor do 25 por cento da música dispoñible en iTunes e Amazon Downloads, as dúas principais tendas de descarga de música por Internet.
Blusens Music, pon á venda o seu catálogo de musica en liña
Compartir Este Artigo

