Tres programadores, dous artistas, un deseñador de xogos e un compositor, todos eles residentes en distintas cidades españolas, veñen de converterse en referente mundial no sector dos videoxogos independentes, ao facerse co terceiro posto do certame Dream Build Play, un dos concursos máis importantes de ámbito non profesional no que os afeccionados á creación de videoxogos atopan ó seu óco para conseguir entrar nesta difícil industria.
Microsoft, que fixo público o fallo do certame onte mesmo, na feira Penni Arcade Expo, en Seatle (EE.UU.), outorgoulle o terceiro premio ao equipo español de Nivel21 Entertainment, que competía con máis de 350 xogos creados por equipos de todo o mundo.
Esta plantilla, formada por unha combinación de profesionais consolidados e aspirantes que se comunicaban por Internet para crear o proxecto que os levaría ao podio, fíxose co premio cun interesante e prometedor título: Rotor’scope. O segredo da enerxía ilimitada , que combina aventura e crebacabezas de xeito maxistral.
O premio, dotado con 10.000 dólares, vai ser empregado, segundo anunciaron os protagonistas, “na formación dunha empresa” o que lle permitirá seguir traballando en novos títulos e dedicarse realmente ao que máis lles gusta.
O grupo español, procedente das cidades de Sevilla, Córdoba, Madrid, Barcelona e Cuenca, agarda asemade, contar coa colaboración de Microsoft para a publicación do xogo en Xbox Live, o servizo de distribución electrónica que incorpora Xbox360.
Cun presuposto inferior a 1.000 euros, este equipo demostrou que se poden facer grandes proxectos sen necesidade de investir millóns, a base de moito traballo e esforzo e, sobre todo, de seguir unha boa metodoloxía.
Rotor´scope é un innovador e desfiante crebacabezas rotatorio, que conta con máis de 150 desafíos que o xogador terá que resolver para ir desvelando a misteriosa desaparición dun afamado científico.
A aplicación, asemade, permite o intercambio de crebacabezas creados polos xogadores así como a posibilidade de publicar as puntuacións dos mesmos na rede social Facebook.
Un videoxogo español faise co terceiro posto do Dream Build Play
Compartir Este Artigo

