Segundo indica un informe da Comisión Europea que vén de facer público a comisaria de Protección ao Consumidor, Meglena Kuneva, “o 55 por cento das páxinas web que comercializan na UE artigos electrónicos, presentan algunha irregularidade”; o informe refírese sobre todo á información que se lle ofrece aos consumidores, que, segundo afirman os responsables do estudo, as máis das veces é “deficiente e enganosa”.
Neste senso, artigos electrónicos tales como videocámaras, cámaras fotográficas, MP3, iPods ou teléfonos móbiles, que soen ser dos que máis se venden a través de Internet, son artigos dos que temos que desconfiar en máis da metade das páxinas web que os ofertan pola Rede xa que a información complementaria que achegan non sempre se axusta á realidade.
O informe revela que España “é un dos países con máis sitios web irregulares”, cun total de 15, situándose tan só por detrás de Alemaña, que das 29 páxinas que lle investigaron, resultaron ser enganosas un total de 21.
Dacordo cos datos do estudo, as irregularidades máis comúns son as que se refiren á falta de información clave que as tendas do sector están obrigadas por lei a poñer a disposición do consumidor; tamén se deben a que as tendas en liña dan información “incompleta ou falsa” sobre o custe total da compra ou que omiten datos como os gastos de envío; por último, o terceiro dos grandes problemas que levan a sinalar como enganosas a estas páxinas é que nelas non figuran os datos da persoa que vende os artigos, co que ao consumidor pódelle resultar complicado contactar con ela no caso de ter algún problema co dispositivo adquirido.
A este respecto, a comisaria asegurou que non se pode “sinalar co dedo” ás empresas que non cumpren as normas, se non que hai que pedirlle explicacións e contas ás autoridades nacionais, para que fagan cumprir a normativa.
Kuneva, nembargantes, asegurou confiar en que “para o verán de 2010”, o seu departamento poida presentar un novo informe que reflexe unha “limpeza completa de irregularidades no sector”.
Meglena Kuneva presentando os datos do informe
Máis da metade das tendas en liña de produtos electrónicos enganan ao consumidor
Compartir Este Artigo

