O Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI) vén de presentar o segundo Informe anual La Sociedad en Red 2008 no que se inclúe o sector das Tecnoloxías da Información, e os seus resultados non podían ser máis satifactorios para o noso país ao revelar que Galicia con 908 empresas, o 4,4% do total das empresas TIC do conxunto de España, “xa é a sexta comunidade autónoma pola súa contribución a este segmento do sector produtivo”, por detrás do País Vasco, Andalucía, Valencia, Cataluña e Madrid, que con un 29,9 por cento de empresas dedicadas ás TIC encabeza a listaxe.
O sector dos contidos e servizos dixitais en Galicia está formado, segundo vimos de comprobar a través do devandito informe, por 126 empresas, que representan o 4,2% do total de compañías deste sector no conxunto do Estado.
No tocante ao nivel de emprego no eido das TIC, o propio OGSI, que da conta da nova na súa web, revela que ao longo do pasado ano en Galicia este sector superou os 13.500 traballadores, contribuíndo substancialmente á mellora da economía global.
Por outra banda, o volume de negocio das empresas TIC que posúen todos os seus establecementos no territorio de Galicia, situouse en 2007, segundo informa o Observatorio, “por riba dos 2.500 millóns de euros, cun crecemento do 35,5% no período 2006-2007”.
O volume de negocio das empresas TIC, engaden, “segue procedendo maioritariamente da súa actividade no mercado galego e apenas o 26,4 da súa facturación corresponde a clientes emprazados fóra de Galicia”.
O estudo realizado polo ONTSI para o sector específico TI en 2008, cifra en máis de 20.800 empresas as que se ocupan das actividades relacionadas co sector das tecnoloxías da información; empresas que superan os 60.000 millóns de euros en facturación e que xeran máis de 300 mil postos de traballo, “preto dun 11 por cento máis que en 2007”.
Galicia sae ben parada no último informe do Observatorio Nacional das TIC
Compartir Este Artigo

