Facebook, a meirande rede social por Internet do mundo, da que prácticamente ningún internauta consegue (nin quere) desligarse, ao poder atopar nela a familiares que viven lonxe, amigos da infancia, antigos compañeiros de traballo, mestres da universidade e incluso antigas ex–parellas coas que poder contactar e incluso competir en torneos virtuais do máis variado (e tamén, todo sexa dito de paso, do máis absurdo), vén de acadar a frioleira de 300 millóns de usuarios, unha cifra impensable se nos remitimos tan só un par de anos ao pasado.
A carón desta nova, os responsables da compañía fundada por Mark Zuckerberg, veñen de anunciar que a rede social de moda tamén consegueu obter “fluxo de caixa libre prositivo antes do previsto”, o cal significa que xa xera suficiente efectivo como para cubrir os seus gastos operativos e de capital necesarios para manter a tecnoloxía que impulsa o seu servizo, tanto que, no último cuarto fiscal, a compañía gañou máis diñeiro do que gastou.
Todo isto, ademais de ser unha nova moi alentadora tanto para a compañía en sí como para o seu creador, o estudante de Harvard Mark Zuckerberg que ve como o seu “pequeno” proxecto vai rachando fronteiras e chegando a cada recuncho do planeta, pecha moitas bocas que criticaban a súa rede social argumentando que “cada vez eran máis os usuarios que optaban por darse de baixa”.
Nada máis lonxe da realidade; Facebook segue a medrar, e aínda que os 500 millóns de dólares de ingresos anuais que recibe non parecen moito beneficio para un xigante de Internet, o caso é que con esa cantidade a compañía pode manter un balance positivo e paseniñamente ir medrando ata facerse con todos os rivais do seu mesmo sector, algo ao que nos teñen acostumados as grandes empresas que soñan con acadar o monopolio.
Facebook xa supera os 300 millóns de usuarios
Compartir Este Artigo

