O Congreso dos Deputados ratificou hoxe o decreto lei que regula a Televisión Dixital Terrestre de pago en España, por 183 votos a favor e 150 en contra (e 6 abstención), pese a que non conta co respaldo unánime do sector audiovisual, que non ve con bos ollos que aproben esta medida de xeito apresurado e sen receptores para a TDT de pago no mercado cando está negociándose unha nova Lei Xeral do Audiovisual (onde si podería ter cabida esta regulación dun xeito máis coherente e consensuado) polo que non é de estrañar que a oposición critique que «o Goberno antepón o beneficio dos cidadáns ao dos grupos privados». Resultou rechamante que na defensa do decreto lei, o ministro de Industria, Miguel Sebastián, asegurase que a medida non foi improvisada, senón que levan «dous anos traballando nisto», o que aínda parecería máis irresponsable, xa que unha das grandes críticas da TDT de pago é que cambia as regras do xogo, xa que os consumidores non estaban advertidos desta medida, e adquiriron uns 22 millóns de dispositivos que non estaban preparados para a Televisión Dixital Terrestre de acceso condicional e, de feito, aínda hoxe é practicamente imposible atopar dispositivos que cumpran con tal prestación. Resultado da votación sobre a convalidación do Decreto Lei da TDT de pago no Congreso dos DeputadosSebastián tamén anunciou que antes de rematar setembro haberá no mercado 250.000 dispositivos para recibir a TDT de pago, «boa parte de fabricación nacional», o que resulta moi difícil de crer, pois a meirande parte dos fabricantes están a anunciar os seus lanzamentos para a TDT Premium para o mes de outubro, e parece loxisticamente inviable a distribución de tantos milleiros de dispositivos en menos de dúas semanas. Para acceder á TDT Premium é preciso contar cun receptor especial ou adaptar o televisor cunha tarxeta CAMO que tamén está a resultar polémico é que dende o Goberno defendan coma de interese xeral que a oferta de fútbol que na pasada liga era en aberto pase agora á modalidade de pago, o que sumado ás dificultades para acceder á TDT de pago pola ausencia de receptores axeitados nas tendas, está a provocar o enfado dos espectadores, tamén decepcionados porque a promesa de poder mercar partidos «por 1 euro» (incluso pagando a través de SMS) transformouse por arte de maxia nunha subscrición mensual a 15 euros, e tampouco parece que os receptores de TDT Premium vaian a estar á venda por 60 euros (os últimos prezos que puidemos ver están entre os 75 e os 95 euros para modelos bastante básicos, custando uns 85 euros a tarxeta CAM para adaptar un televisor que permite tal tipo de actualización).