PandaLabs, a entidade que dende o ano 1990 traballa incansablemente na detección e eliminación das ameazas de seguridade na Rede para ofrecerlle ás persoas usuarias de Internet a máxima confianza e seguridade posibles, vén de publicar o seu último informe trimestral co balance do que sucedeu en canto a ameazas informáticas entre os meses de xullo a setembro, e a principal conclusión que se extrae é que, no último trimestre, “batéronse records na creación de novas ameazas”, ao ter rexistrados máis de cinco millóns de novos exemplares.
Estas ameazas, que na súa maioría supoñen troianos bancarios, adware e spyware, levan medrando a pasos axigantados dende a súa aparición na Rede porén nos últimos tres meses as súas porcentaxes sitúanse xa da seguinte maneira: troianos (71 por cento), adware (13 por cento) e spyware (9 por cento). Os tradicionais virus e vermes, que van desaparecendo paseniñamente, apenas superan xa o 2 por cento do total.
Luis Corrons, o director técnico de PandaLabs, indica ao respecto que “neste momento estamos a recibir preto de 50.000 novos exemplares diarios, cando hai tan só uns meses estabamos en 37.000”. Corrons engade que non teñen expectativas de que esta situación mellore nos vindeiros meses, polo que haberá que ampliar a protección dos nosos dispositivos e andar con pés de chumbo á hora de acceder a sitios “dubidosos”.
En canto aos PCs infectados por tipo de malware nos últimos meses, rexistrouse o maior número de usuarios infectados no que vai de ano, cun 15 por cento máis de ordenadores afectados comparado co anterior trimestre. En canto a tipos de ameazas, o 37,70 por cento dos ordenadores tiñan troianos, seguido polo 18,68 por cento, que estaban afectados por adware. Este tipo de infeccións están a aumentar debido, sobre todo, á gran proliferación de falsos antivirus ou rogueware.
Por último, en canto ás tendencias analizadas do último trimestre, PandaLabs detectou un gran crecemento na distribución de malware a través de spam, redes sociais e do emprego de técnicas de posicionamento de webs para que os usuarios cheguen a webs falsas dende as que descargar malware.
Neste senso, empregáronse distintos “garfos sociais” ligados á actualidade informativa como a Gripe A, os incendios de verán, os discursos de Obama ou o Día da Independencia.
Os hackers baten o seu propio récord de ameazas na Rede nos últimos 3 meses
Compartir Este Artigo

