A Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxicas, na súa teima por levar a banda larga a cada recuncho do noso país, sobre todo ata aqueles lugares onde máis se precisa unha boa conexión por mor de darlle servizos ás empresas radicadas na zona, vén de incorporar ao seu proxecto WIMAX en polígonos industriais, a tres novos complexos galegos: o Parque Empresarial de Guitiriz, o Polígono Industrial Curtis-Teixeiro, e o Polígono Industrial As Lagoas, no concello de Narón, os cales se suman a outros seis parques que xa tiñan operativa dita rede no noso país.
A través desta iniciativa, o devandito organismo público busca paliar as deficiencias que teñen algúns polígonos empresariais galegos para acceder á Rede e poder así competir en igualdade de condicións no mercado nacional e internacional.
Mediante esta actuación, que conta cun orzamento de 4,8 millóns de euros, e que está sufragada en parte por fondos FEDER, a Xunta vai permitir a transmisión de datos empregando ondas radioléctricas nos polígonos empresariais adheridos á iniciativa, o que permitirá arranxar, segundo afirman os seus responsables, “unha grave carencia ao tempo que dotará ás diferentes zonas dunha grande capacidade de atracción para achegar novas empresas”.
Segundo vén de indicar a Secretaría Xeral de Modernización, “a construción das redes nos polígonos baséanse en estándares e tecnoloxías que permiten alcanzar altas capacidades e garanten unha elevada dispoñibilidade do servizo”. Para elo, continúan, “instálase unha estación base en cada polígono, e as empresas e residentes na zoas de cobertura poderán contratar o acceso a internet de banda larga, desde 2Mps ata 12Mbps, con prezos que parten dos 30 euros mensuais”.
Igualmente, indicaron, “a estación permite ofertar tamén servizos de voz mediante a tecnoloxía VoIP así como contratar servizos de valor engadido como videovixilancia ou intranet corporativa”.
Na actualidade, e á marxe dos vinte polígonos –contando os tres de hoxe– que xa contan con esta rede, a Xunta vén de anunciar que “outros once parques industriais incorporaranse ao proxecto durante os próximos meses”.
Asemade, a entidade responsable da iniciativa afirma que “a existencia de crédito suficiente, permitirá acometer dúas novas instalacións nos parques empresarias de Foz e Xermade”, polígonos que se atopan nun estado aventaxado de instalación, e nos que se poderán rematar as obras a finais deste mes ou a comezos do mes de novembro.
A Xunta incorpora tres novos polígonos industriais ao seu proxecto de Rede WIMAX
Compartir Este Artigo

