Por terceiro ano consecutivo, o stand que o CLAG tivo presente no MIPCOM de Cannes desde o pasado día 5 atraíu durante estes días o interese de máis de 200 profesionais, procedentes dunha decena de países de distintos continentes, que recabaron información sobre a oferta de contidos da industria audiovisual galega.
Representado no MIPCOM por unha delegación de 17 empresas, promovida polo CLAG, o sector audiovisual de Galicia amosou no mercado a imaxe dun tecido “sólido e cohesionado, con maior poder de negociación para a distribución, e capaz de provocar o interese de inversores internacionais para futuros acordos sobre produtos desenvolvidos por empresas de Galicia”.
A oferta audiovisual do noso país levou ata o seu stand a profesionais de Suiza, Alemaña, Bélxica, Italia, Grecia, Malasia, Corea, Australia ou Arxentina, Brasil, Chile interesadas en formatos, animación, contidos para Video on demand e novas plataformas; e entablaron contactos e posibilidades de negocio con empresasa produtoras doutras comunidades autónomas e con representantes de cadeas nacionais españolas que asisten puntualmente ao Mercado na busca de novos produtos.
A delegación empresarial (integrada por Abano Producións, Continental, R, Adivina Producciones, Isabella Audiovisual, Interacción, Setemedia, Milou Films, Filmanova, Filmax, Enxebre Entertainment, Perro Verde Films, Voz Audiovisual, Xamalú Filmes, Ficción Producciones, Dygra Films e TVG) mantivo no seu conxunto máis de 60 reunións bilaterais de negocio e remata hoxe a súa estadía en Cannes cunha valoración altamente positiva. Os empresarios galegos regresan convencidos de que a mellora na percepción do sector nos mercados internacionais está vencellada á progresiva penetración da marca Galicia Audiovisual que axuda a identificar ás empresas galegas baixo unha imaxe común e favorece o acceso a novos mercados en condicións máis favorables.
A delegación do CLAG puido beneficiarse tamén dos relatorios que se impartiron nos auditorios do Palais do MIPCOM sobre as tendencias en materia de consumo televisivo, os formatos que mellor funcionan no resto do mundo e o análise do consumo para os vindeiros anos , entre outros temas.
Agora, o CLAG xa mira de preto a súa vindeira misión empresarial: será o vindeiro mes de abril, no MIPTV, un dos máis estratéxicos mercados europeos de contido audiovisual.
A marca Galicia Audiovisual remata o seu periplo en Cannes con boa afluencia de público
Compartir Este Artigo

