O Consello Territorial de ASIMELEC Galicia na súa primeira reunión logo da súa constitución no pasado mes de xullo, vén de acordar abrir negociacións sobre o Clúster Tic con todas as Asociacións, Colexios Profesionais e empresas do sector para partir dende cero en canto a estatutos, fins, obxectivos e representación.
ASIMELEC Galicia, co apoio da Asociación Galega de Empresas Tic-AGESTIC e a Asociación Galega de Instaladores de Telecomunicacións -AGEINTE, ten a intención de debater sobre o modelo dun Clúster Tic, aberto a todas as empresas e institucións galegas do sector tecnolóxico, independentemente do seu tamaño ou do seu poder económico, un Clúster, segundo afirman, “democrático e independente e construído dende cero polos propios intereses do conxunto sectorial”.
O Consello Territorial da devandita entidade agrupa, xunto coas asociación mencionadas, a máis de 450 empresas, un 60 por cento de todo o sector TIC galego e fai este ofrecemento en condicións, dín, “de igualdade negociadora”, aos Colexios Profesionais e Asociacións, poniendo como única condición que o Clúster naza “de abaixo arriba“, pasando páxina sobre a etapa anterior, ao mesmo tempo que solicita da Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnoloxica, que actúe como “arbitro” do proceso negociador.
Asemade, o Consello tomou razón do nomeamento de José María López Bodrio como Vicepresidente executivo e de Sonia Rábade como Secretaria Xeral, que apoiaron as tarefas de dirección do presidente de ASIMELEC Galicia, José Ramón García da empresa Blu:sens.
Finalmente o Consello acordou dirixirse á Xunta de Galicia, ás catro Deputacións provinciais e á FEGAMP, para felicitalas polo acordo de colaboración en materia de extensión da Administración Electrónica a todos os cidadáns galegos co obxectivo posto en 2010 e ofrecerlles toda a cooperación necesaria do sector para conseguilo “dado o atraso notable que en especial os pequenos concellos están a sufrir en aplicar as tic aos seus procedementos de xestión e relación cos cidadáns”, apuntaron.
ASIMELEC Galicia negociará o Cluster TIC con todo o sector e apoiará a consolidación da eAdministración
Compartir Este Artigo

