Alfonso Cabaleiro e Xosé Luís García inauguraron o Telecentro de BriónO secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán, e o alcalde de Brión, Xosé Luís García García, inauguraron hoxe o telecentro de comunicación do municipio (sito na Casa do Concello) co que a Secretaría Xeral de Medios (que contribuíu con 120.000 euros para a posta en marcha desta dotación) pretende achegar aos veciños as novas canles de comunicación. Na inauguración participou un grupo de alumnos de 5º de primaria do CEIP Pedrouzos de Brión, que puideron interactuar por videoconferencia con rapaces do CEIP de Sigüeiro, que acudiron ao telecentro de comunicación de Oroso, dende o que o alcalde da vila, Manuel Mirás Franqueira, deu a benvida a Brión á Rede de Telecentros de Comunicación. Oroso deu a benvida a Brión a través de videoconferenciaSegundo Alfonso Cabaleiro «o que se pretende é que este telecentro de comunicación se converta nun espazo apropiado para familiarizar á cidadanía coas canles e soportes audiovisuais de comunicación». Pola súa banda, o alcalde de Brión, Xosé Luís García, agradeceu á Secretaría Xeral de Medios, a oportunidade de dotar ao concello dun telecentro de comunicación que sirva de punto de encontro dentro do concello. Ademais de dotar aos telecentros do equipamento axeitado (no caso do Telecentro de Brión, 20 terminais de ordenador), a Xunta de Galicia pretende incorporar o telecentro de comunicación como alternativa habitual na axenda de tempo libre da cidadanía, de xeito que asociacións e colectivos de todo tipo poidan utilizar este telecentro para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo, visionado de audiovisuais, conferencias, etc. Cómpre destacar que o Telecentro de Brión, aparte de estrear sede física, tamén iniciou estes días un blogue de seu.