Segundo veñen de anunciar os responsables do despregamento da TDT no noso país, unha vez rematado este proceso, “estímase que unhas 60.000 persoas (o 2 por cento da poboación) quedarán en zonas de sombre onde non chegará o sinal de TDT”, zonas que serán cubertas co sinal do satélite Hispasat, mediante a instalación dunha antena e un receptor especial que deberá ser instalado por profesionais cualificados e que aseguren un bo funcionamento do sistema.
É por isto que a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Medios, organizou hoxe unha xornada de formación para instaladores de TDT por satélite, coa que se prevé que un total de 90 empresas máis queden autorizadas para instalar este tipo de antenas na nosa comunidade.
Con este curso de formación, e os sucesivos que a devandita entidade organizará nas vindeiras semanas, a Administración galega pretende garantir que un gran número de empresas instaladoras en todos os pobos e cidades de Galicia poidan realizar estas instalacións e, así, reducir as listas de espera para ver a TDT, unha vez que se produza o chamado apagamento analóxico.
A xornada formativa vai dirixida a instaladores de telecomunicación inscritos no rexistro coa categoría A, que serán os que realicen a solicitude de activación dos receptores necesarios para poder recibir este servizo.
Este é o segundo curso que realiza a Secretaría Xeral de Medios, logo de ter celebrado unha primeira convocatoria no pasado mes de setembro, á que asistiron un total de 60 empresas instaladoras.
A xornada tivo lugar a través da Rede de Telecentros de Comunicación que xestiona o Centro Multimedia de Galicia, e a ela acudiron responsables das empresas Abertis Telecom e Televés.
Asemade, a fin de incrementar o número de empresas instaladoras que poidan acceder a esta formación específica e reducir os desprazamentos, a xornada levouse a cabo dende Santiago de Compostela, mais foi retransmitida por videoconferencia nos telecentros de Betanzos, Guitiriz, Allariz e Vigo.
A Xunta desenvolve unha xornada formativa para instaladores de TDT por satélite
Compartir Este Artigo

