O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, co principal obxectivo de estar preparado e en condicións para outorgar novos números de teléfonía móbil cando se esgoten os 100 millóns de números que comezan por seis empregados na actualidade, vén de iniciar os trámites normativos para atribuirlle unha nova numeración ás comunicacións móbiles no noso país.
Para isto, a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información vai aprobar proximamente unha resolución mediante a cal se lle atribuirá ás comunicacións móbiles, 80 millóns de números do rango sete, é dicir, que comecen por sete en vez de por seis, como viñan facendo na actualidade.
O obxectivo da apertura do novo rango de numeración é, segundo informan dende este organismo, “favorecer o desenvolvemento de novos servizos asociados á telefonía móbil tradicional (baseada en voz e mensaxería), tales como os servizos de acceso móbil de banda ancha a Internet”, así como proporcionar os recursos públicos e de numeración necesarios ante a aparición no sector dos operadores móbiles virtuais e outros operadores que poideran xurdir como consecuencia de posibles novas concesións do espectro radioeléctrico.
Por outra banda, a decisión de atribuir o rango sete responde a unha consulta pública sobre a amplicación da numeración dos servizos móbiles que levou a cabo o Ministerio de Industria durante o mes de xuño. As conclusións desta consulta, dispoñibles na web do Ministerio, indican a necesidade de atribuir a curto prazo o rango sete aos servizos de comunicacións móbiles debido ao forte crecemento previsto dos accesos móbiles de banda ancha a Internet.
Asemade, a maioría das respostas manifestan a conveniencia de usar números pertencentes ao Plan nacional de numeración telefónica para as comunicacións máquina-máquina, en lugar de direccións IP ou outros identificadores.
Esta consulta popular constaba de 17 grupos de preguntas das cales se recibiron nove contribucións, entre as que se encontran as dos principais operadores de telefonía móbil e algunhas asociacións de operadores.
Na consulta propoñíase a apertura graduada do segmento sete (números de nove díxitos que comecen por sete) para a súa utilización polos servizos de comunicacións móbiles interpersoais e servizos de acceso de banda ancha a Internet, entre outras cousas.
Os novos números de telefonía móbil comezarán por sete
Compartir Este Artigo

