A exposición itinerante interactiva da Secretaría Xeral de Medios, Galiciadixital, que se puido visitar en Barbadás do pasado 28 de outubro ao 2 de novembro, recibiu a visita dun total de oitocentas dezasete persoas, que se achegaron ata a Residencia de Maiores A Nosa Señora dos Milagres, onde estaba instalada temporalmente a exposición dixital galega por excelencia.
A mostra viaxa agora cara Pontevedra, para facer a súa parada na Residencia da Terceira Idade de Campolongo, e permanecer alí do 13 ao 18 de novembro.
Galiciadixital é unha innovadora exposición interactiva baseada en producións virtuais e multimedia de primeira liña realizadas en Galicia e na que veñen traballando máis de 100 persoas, empresas do eido audiovisual e as universidades galegas, que lle dan un carácter dinámico de investigación e experimentación de novas tecnoloxías no audiovisual. Os contidos da exposición, que se renovan e amplían constantemente, foron deseñados por empresas e entidades públicas de Galicia, e, polo tanto, a exposición convértese nun escaparate das creacións galegas máis avanzadas.
A mostra está pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades, e así o demostra o gran éxito que está a acadar nas localidades que a acollen.
As novas tecnoloxías introducen ao visitante nunha atmósfera especial que amosa unha Galicia diferente, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que o envolven e que lle permiten gozar dunha experiencia nova e divertida nos eidos do audiovisual e o multimedia.
Galiciadixital, recibiu en Barbadás máis de oitocentas visitas
Compartir Este Artigo

