
Como dixemos, a listaxe de premios inclúe tres tipos de distincións: o recoñecemento ao Colexiado de Honra (que salienta as accións desenvolvidas a prol dos intereses do propio colectivo), Premio á Traxectoria Profesional e o Premio ao Proxecto Innovador.
Traballo a prol do colectivo
Nesta ocasión, informa o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática, decidiuse conceder o galardón de Colexiado de Honra a:
· Jesús Vázquez Abad. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, recibe o premio polo seu “decidido apoio a través de distintas iniciativas parlamentarias, ao regulamento dos estudos e da profesión de Enxeñaría en Informática durante a súa traxectoria como deputado no Congreso”.
· Javier Rodeiro Iglesias, Gabriel Ferreiro Pena e Jesús Rodríguez Castro, presidentes da Asociación de Enxeñeiros en Informática de Galicia (AEIG), en distintas etapas. A intención do CPEIG con este recoñecemento é salientar a súa loita para dotar á Enxeñaría en Informática dun código deontolóxico e estatutos a prol dunha profesión digna e autónoma. Como un dos grandes logros da Asociación cómpre sinalar a posta en marcha do propio Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Premio a García Tobío
Polo que se refire ao Premio á Traxectoria Profesional, dicir que nesta primeira edición da Noite foi dar a Javier García Tobío, director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) dende o ano 1998 e un dos persoeiros máis salientables do noso país en materia de desenvolvemento tecnolóxico e científico. Así o reflicten os numerosos premios internacionais que está a colleitar o CESGA polo seu pulo á supercomputación e a cooperación científica, ou o galardón entregado por ComputerWorld en base ao labor feito dende o dito centro en beneficio da mellora na calidade de vida dos cidadáns.
A achega TIC do SERGAS
No que atinxe ao Premio Proxecto Innovador, sinalar que o CPEIG decidiu entregarllo ao equipo responsable da iniciativa e-Receita, o servizo de receita electrónica posto en marcha polo Servizo Galego de Saúde (SERGAS) co fin de modernizar a nosa sanidade a través do uso intensivo das novas tecnoloxías da información. Esta iniciativa diríxese a permitir a xestión e máis a achega farmacolóxica a distancia e a mudar a relación da sociedade galega cos médicos e cos farmacéuticos, sinala o CPEIG, ao que engade que na actualidade xa se entregan ao mes máis de 1,5 millóns de receitas por estas canles.
Entre outras vantaxes postas en xogo por e-Receita, o Colexio salienta as seguintes:
· Fai máis doada a achega de fármacos.
· A receita electrónica permite, ademais, que o usuario non precise acudir ao centro de saúde cada vez que teña que solicitar novas receitas dos medicamentos xa prescritos.
· Supón unha maior seguridade na prescrición, achega e uso dos medicamentos, xa que fomenta a comunicación entre médico e farmacéutico.
Unha vez superada a fase da pilotaxe da e-Receita que comezou en setembro de 2008, este ano o despregue de receita electrónica permitiu que no intre actual haxa 107 centros de saúde con conexión directa a farmacia con e-Receita e son xa 555 as oficinas de farmacia conectadas a este novo sistema.
Está previsto que Sanidade, en coordinación cos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, remate o ano con 167 centros de Atención Primaria integrados no proxecto, que darán cobertura a unha poboación de 1.203.737 cidadáns, nas catro provincias galegas, o que supón que o 43,5 % da poboación terá acceso á e-Receita.

