O apagamento analóxico bótasenos enriba e a preparación da cidadanía galega cara este feito máis que inevitable segue a ser un tanto desigual. Dito doutra maneira: hai quen está ao tanto de todo o relativo á (TDT) Televisión Dixital Terrestre e ten todo o preciso para que a tele se siga vendo no seu fogar, hai quen por descoñecemento ou por desleixo non sabe en consiste e hai quen non dá un peso por ela e tirará proveito do proceso para despedirse definitivamente da televisión. Enleadas aparte, a Xunta de Galicia vén de presentar unha iniciativa especialmente dirixida aos do grupo do medio (os que queren seguir dándolle uso ao aparello e polas razóns que sexan aínda non están preparados para o cambio), e trátase dunha campaña informativa sobre as vantaxes e funcións da TDT que ten a particularidade que se fará “casa por casa”.
Así o vén de facer saber en comisión parlamentaria o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, quen apuntou que a iniciativa actuará onde é máis preciso: no noso rural e entre as persoas de idade con problemas para a sintonización do novo sistema. Segundo reflicte El Correo Gallego, Cabaleiro confirmou durante a súa intervención que as primeiras fases do apagamento se levarán a cabo na primeira quincena de xaneiro e non o 31 de decembro, para evitar as incidencias que poida achegar a coincidencia coas datas do Nadal.
O rural galego recibirá información da TDT porta por porta
Compartir Este Artigo

