
Serán arredor de medio cento de actividades (algunhas delas directamente vinculadas ás redes da información, tanto na forma como no contido) a desenvolver por todo o noso territorio e ata o 22 de novembro, dándose a casualidade de que este ano coinciden tres celebracións internacionais dándolle miolo á Semana: o Ano Darwin, o Ano Internacional da Astronomía e o Ano Europeo da Creatividade e da Innovación.
Entre as entidades organizadoras atópanse as tres universidades galegas, centros tecnolóxicos, o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), asociacións, museos científicos e o Parque Tecnolóxico de Galicia, entre outros. Por tipo de actividade, informan os organizadores, a categoría cursos e obradoiros é a máis abondosa, seguido de itinerarios didácticos e excursións e xornadas de portas abertas. Con todo, celebraranse exposicións, ciclos de cine e obras de teatro científico, entre outro tipo de actividades.
En Galicia a Semana está coordinada pola Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de I+D+i, en colaboración con FECYT, Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia e Innovación, que coordina o evento no ámbito estatal.
Comeza a Semana da Ciencia galega con medio cento de actividades de divulgación
Compartir Este Artigo

