Ben sexa por afinidade co que se conta, ben polo contrario, o certo é que o vídeo posto no YouTube pola Coordinadora Galega de ENDL leva unha racha de visitas ao pouco de ser habilitado (un día) que xa quixeran moitos outros, máis afeitos ao rebumbio nos medios, para si mesmos. Deste xeito, e malia que moitas das visitas (a xulgar por unha parte dos comentarios) non son precisamente para felicitarnos por ter unha cultura e máis unha lingua e gabarnos diso, mentres se lle daba forma a este texto xa se estaba a enfiar o camiño das 16.000 visitas.
Para quen non o saiba, ou non vise o vídeo, dicir que conta con algunhas das faces máis representativas da nosa cultura, tanto dentro como fóra da nosa terra, todas elas levando a cabo o que por desgraza cómpre seguir facendo con todo o que se andou: lembrarlles a moitos dos de fóra (e a moitos dos de dentro) que hai unha lingua e unha cultura que coidar, non un dialecto (malia que a xulgar polos comentarios de certos internautas, a Rede non conseguiu nada para quitarlles esa teima dos miolos).
No vídeo podemos ver a xente como Martiño Rivas, Belén Regueira, Antón Reixa, Susana Seivane, Luís Tosar e María Castro declarando o seu orgullo polo noso. Tras a elaboración desta peza atópase a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, formada por equipos de traballo de centros públicos, centros privados e concertados, en activo dende abril de 2009. Entre os seus obxectivos cóntase contribuír ao fomento da lingua galega en todas as canles de comunicación (incluída a Rede) e en todos os contornos sociais.
O vídeo tamén pode verse en Vimeo, onde superou as 600 reproducións
O vídeo Orgullos@s do galego supera a liña das 15.000 visitas ao pouco de terse subido
Compartir Este Artigo
