
O Xabarín será o padriño da VI edición dos Premios Fouciño, que se celebrará en Baio (Zas) do 22 ao 24 de outubro. A organización vén de anunciar tamén as doce curtametraxes finalistas do certame, seis na categoría Xeral e outras seis na Escolar, seleccionadas entre as 66 pezas presentadas, a cifra máis alta da historia dos premios e case o dobre que na edición anterior.
A elección do Xabarín como padriño está ligada ao protagonismo que terá a animación galega na programación fóra de concurso. O festival incluirá diferentes sesións de curtametraxes e unha sesión especial que será anunciada proximamente.
Nacido na TVG en 1994 e creado graficamente por Miguelanxo Prado, o Xabarín converteuse nunha das grandes iconas da cultura popular galega. O universo do Xabarín Club achegou a varias xeracións a animación, a dobraxe e a música en galego, nunha relación coa lingua que agora os Premios Fouciño queren prolongar a través da creación audiovisual.
As seis finalistas da categoría Xeral son Amor Líquido, de Dani Blue; Alicia no país do esquecemento, de Irene Pin; O refuxio, de Fran da Lobeira; Nas ondas do tempo, de Adrián Porima; O costume do traballo, de Luis Morla; e A do Insta, de Aleixo Pérez Aponte.
A selección abrangue propostas de diferentes xéneros e temáticas. Amor Líquido presenta unha parella que se prepara para comunicar durante unha cea familiar a súa decisión de separarse, mentres Alicia no país do esquecemento aborda a memoria e a súa conservación a través da escritura e da música. O refuxio reúne dous radioafeccionados nunha taberna arredor dun misterioso descubrimento, e Nas ondas do tempo segue un mariñeiro retirado que permanece atrapado no recordo do sucedido unha noite no mar.
O costume do traballo recupera os sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol e as mortes de Amador Rey e Daniel Niebla durante unha mobilización obreira. Pola súa parte, A do Insta segue dous amigos que se dirixen á casa dun rapaz que lles cae mal coa intención de ligar coa súa irmá.
Na categoría Escolar, as seis finalistas son Nariz de Ouro, do CEIPP Celso Emilio Ferreiro (Cerceda); Mariña, a serea do castelo, do CEIPP San Vicenzo (Vimianzo); Os poetas e o lume, do CEIP Labarta Pose (Baio); Midsommar, do IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra); Toda a verdade?, do IES Río Miño (Rábade); e Soñar, do CEIP Xesús Golmar (Lalín).
Todas as pezas desta categoría foron creadas especificamente para participar nos Premios Fouciño, que empregan este apartado para achegar a creación audiovisual ás novas xeracións. A presenza de centros da Costa da Morte volve ser destacada, tamén como resultado dos obradoiros de cinema desenvolvidos polo equipo do certame ao longo do ano para fomentar a participación do alumnado da comarca.

O xurado estará formado pola xornalista e comunicadora Alba Mancebo, a directora de arte e deseñadora de vestiario Melania Freire, a actriz, dramaturga e creadora Mariña Lestón, Alberto Villar López, fotógrafo e histórico director do Grupo de Teatro BADIUS de Baio, e un representante do Concello de Zas.
As doce curtametraxes finalistas proxectaranse o sábado 24 de outubro en Baio, nunha xornada na que o público tamén poderá votar polas súas favoritas. Os Premios Fouciño están organizados pola AC Premios Fouciño co apoio do Concello de Zas e da Deputación da Coruña e buscan promover o cinema como medio de expresión, especialmente no ámbito amador e semiprofesional, ademais de impulsar a presenza da lingua galega na creación audiovisual.
Programa do certame


