Os responsables do programa Rexistro Civil en Liña de Red.es (Ministerio de Industria) veñen de anunciar a dixitalización de tódolos arquivos deste tipo de documentos, traballo que abrangueu a totalidade do Estado e que supuxo, informan os coordinadores da iniciativa, un total de 110.210 tomos manuscritos e 68.197.976 páxinas que se atopan arestora en formato dixital. Para Red.es, o principal obxectivo deste labor foi axilizar a mellorar a calidade e eficacia do servizo achegado polos Rexistros Civís e os Xulgados de Paz, evolucionando cara a un aprovisionamento da información máis moderno e transparente.
A iniciativa, que veu acompañada dun orzamento total de 128 millóns de euros, tira proveito do potencial das novas tecnoloxías (que acurtan a distancia entre a persoa e a información requirida) “e favorece o cumprimento do establecido na Lei de Acceso Electrónico, que recoñece o dereito dos cidadáns a relacionarse coa Administración por medios electrónicos”.
Grazas a este programa, informa Red.es, conseguiuse que outras institucións públicas como a Seguridade Social, a Dirección Xeral de Policía ou a Axencia Tributaria poidan ter acceso (previa autorización do cidadán) aos datos precisos para a tramitación dos seus procedementos. Por certo que o vindeiro paso a seguir neste proceso de dixitalización é o Rexistro Civil Central, que dispón de máis de 10.5000 tomos e que servirá, unha vez envorcado en discos duros, para obter unha base de datos completa de cara ao desenvolvemento do novo Rexistro Civil de Servizos.
O Goberno rematou a dixitalización de tódolos rexistros civís municipais de España
Compartir Este Artigo
