
A listaxe, que conta nas súas fileiras con pequenos buscadores de torrents (redes como portas abertas nos ordenadores polas que discorren os ficheiros), tivo o seu xermolo a finais de 2009, cando diferentes internautas a prol do libre fluxo cultural puxéronse de acordo na web Hacktivistas.net para botar a perder os obxectivos do Executivo central. Todo isto, por certo, fíxose baixo un nome común, A lista de Sinde, que falaba ben ás claras sobre a posición do grupo respecto do Goberno e do Ministerio de Cultura, coresponsable destes asuntos e dirixido por Ángeles González-Sinde.
O caso é que dende esta fronte colectiva animouse aos webmasters e blogueiros do Estado a incorporar xanelas nos seus espazos en liña para procurar arquivos de descarga na Rede. A medida, que vai en contra das bases do Anteproxecto de Lei de Economía Sostible (onde se inclúe esta arela de pechar páxinas web que dean azos ao intercambio libre) presentouse perante a Internet como un exemplo de desobediencia dixital contra o dito pre-regulamento.
Activistas en liña fanlle chegar ao Goberno a listaxe de 1.200 webs a prol das descargas
Compartir Este Artigo
