O pasado sábado foi o lanzamento oficial do iPad nos EE.UU., conseguindo o novo produto estrela de Apple unha atención mediática semellante á do iPhone, acompañando tamén as críticas positivas ao produto e unhas fortes vendas, que segundo a compañía superaron ás 300.000 unidades, o millón de aplicacións descargadas e os 250.000 e-books nas primeiras 24 horas.
Non hai dúbida en que estamos a falar duns resultados extraordinarios, aínda que algúns analistas esaxeraron os resultados do lanzamento do iPad antes de coñecerse as cifras oficiais, e calculaban unhas vendas de entre 600.000 e 700.000 unidades, o que parece estar bastante lonxe do total de dispositivos distribuídos, dos que aínda hoxe quedan unidades nas tendas, de xeito que non hai serios problemas de abastecemento (o que si podería pasar co salto internacional previsto a final de mes).

As aplicacións son a chave
O máis rechamante do iPad non é o seu hardware, senón a multitude de aplicacións dispoñibles, de xeito que pode tirar proveito de case todo o software para o iPhone, ao que habería que engadir as máis de 3.000 aplicacións optimizadas para o iPad que lanzaron nas últimas horas, das que coma punto negativo podemos comentar que apenas o 20% son de balde.
Que o iPad poida facer uso da aplicación iBooks para acceder a libros electrónicos non evitou que Amazon tamén portase a súa aplicación para acceder ao catálogo do Kindle, de xeito que o catálogo de e-books dispoñible para o novo trebello de Apple é impresionante, polo que ameaza seriamente aos eReaders que actualmente hai no mercado.

Nos últimos anos a industria do cómic tamén busca un fogar dixital, e tras distintos achegamentos, Marvel Comics estreou aplicación para iPhone e iPad, de xeito que por 1,59 euros poden descargarse centos de comics de Spider-Man, Thor, Iron Man e moitos outros personaxes para unha visualización francamente agradable que no caso do iPad combina a visualización a pantalla completa (coma un cómic tradicional) coa vista por viñetas (cun revolucionario sistema de navegación, pensado para o iPhone, pero que tamén resulta agradable de utilizar no iPad).
Páxinas web optimizadas
Pero unha industria que ten moitos problemas para acadar rendemento a través de aplicacións é a dos contidos para adultos, pois dende Apple teñen unha política moi restritiva coa pornografía, de aí que as empresas que queren explotar o negocio teñen que buscar solucións imaxinativas coma deseñar páxinas web optimizadas para o iPad, algo que xa fixeron dende a páxina web PinkVisualPad, dende a que ofrecen acceso a contidos eróticos dende por 1 dólar ao día ata 40 dólares ao trimestre.

Polémicos prezos
Pero un elemento que van ter que coidar máis no iPad é o prezo das aplicacións e os contidos descargables, pois na actualidade na App Store aparecen múltiples aplicacións descargables que en moitos casos multiplican por 5 o seu prezo só por estar optimizadas para a pantalla do iPad, o que é unha desproporción que podería ter graves consecuencias nun momento no que o dispositivo debería centrarse en gañar mercado.
No caso dos xornais e comics dixitais tamén resulta polémica a súa política de prezos, excesivamente próxima ás súas edicións físicas, o que non está xustificado tendo en conta o aforro en fabricación e distribución que supón a ausencia de soporte físico.
Agardemos que nas vindeiras semanas modifiquen estas políticas de prezos para poder replicar a fórmula de éxito do iPhone e non fagan que a cobiza bote abaixo un mercado con moito potencial.
A aplicación de Marvel Comics para o iPad foi unha das máis destacadas nos últimos días, en boa medida pola análise que fixeron da mesma dende BoingBoing
