Durante a pasada fin de semana foi moita información publicada na Internet por mor dunhas imaxes do que podería ser o deseño da vindeira xeración do iPhone (que dan en chamar iPhone 4G ou iPhone HD) e que corresponderían a un terminal atopado no chan dunha cafetaría de California, e que destacaría por contar cunha cámara frontal e 80 Gb de memoria interna (algo realmente sorprendente, por superar tanto aos actuais iPad coma iPod Touch).
Dende Applesfera aseguran que as fotografías publicadas na web son un fake, ou sexa, unha fraude, pero nas últimas horas apareceu máis información sobre o terminal en concreto, coma unha fotografía de hai meses nas que podía verse un dispositivo idéntico xunto a un prototipo do iPad que finalmente correspondeuse co produto final, o que dende Engadget consideran que serviría de proba da veracidade das imaxes publicadas, aínda que son prudentes ao comentar que sería un prototipo, polo que poderían existir lixeiros cambios con respecto do produto final.

Tamén apreciaron que a parte traseira do terminal é totalmente plana, ten un borde de aluminio, pesa 3 gramos menos que o iPhone 3GS, a súa batería é un 16% máis grande e os compoñentes internos reducíronse de xeito considerable (o que precisamente permite a maior batería).
Tras contactar con xente relacionada con Apple, confirmouse a perda dun prototipo do novo iPhone, e o seu interese en recuperalo, o que sumado ao feito de que moitos dos compoñentes internos do móbil estaban etiquetados coma de Apple e eran diferentes dos de terminais anteriores, supón a practica confirmación de cómo será o futuro iPhone, que previsiblemente presentarase en sociedade o 22 de xuño.
Atopan un prototipo do vindeiro iPhone
Compartir Este Artigo
