Que Facebook é a plataforma líder a nivel mundial no tocante a redes sociais é algo indiscutible, pero a estratexia da compañía fundada por Mark Zuckerberg para chegar máis aló non vai como quixeran, de aí que durante a súa conferencia anual F8 anunciase certas novidades como a evolución das páxinas que mudan o seu botón de Faite seareiro por Gústame, o que indica un cambio importante no xeito de acceder a contidos e compartilos en Facebook, de xeito que a propia plataforma pode intentar prever os intereses do usuario. Sobre dicir que milleiros de usuarios xa gustan dunha páxina que considera que o Gústame non ten a mesma graza que o Faite seareiro.

Pero a grande novidade de Facebook sería o adeus a Facebook Connect para anunciar Open Graph, unha evolución da tecnoloxía que levaba Facebook a outras páxinas web, que comeza con sinxelos Gústame, pero que pode levar as interaccións moito máis aló, de xeito que páxinas alleas a Facebook poden emular as súas prestacións sen que o usuario teña que darse de alta nunha nova rede social (aínda que deberá autorizar a operación para evitar invasións á súa intimidade).
Nas vindeira semanas iremos vendo cómo maduran estas ideas, pois non esquezamos que dende Facebook teñen certa tendencia a modificar os seus proxectos con frecuencia, e o que hoxe pode parecer unha aposta estratéxica, finalmente pode quedar nunha anécdota, coma o lanzamento de Facebook Lite.
Facebook quere avanzar na socialización da web
Compartir Este Artigo
