Google Earth é unha aplicación de escritorio que permite voar sobre todo o mundo amosando unha vista aérea en perspectiva da nosa xeografía, sobre a que proxectar multitude de datos, que permaneceu paralela e independente de Google Maps ata agora, pois dende Google decidiron que o seu peculiar xeito de amosar o mundo pode incorporarse como unha opción máis dos seus mapas, de xeito que agora podemos consultalos tanto na vista de mapa, a de satélite e a chamada Earth, que será coma acceder a Google Earth dende o navegador web.
Google xa publicara un engadido en 2008 que permitía certa integración de Google Earth en aplicacións web, pero a súa integración en Google Maps vai popularizar aínda máis este xeito de visualizar o mundo e voar sobre as cidades cun desprazamento suave e podendo incluso ver reconstrucións en 3D de edificios significativos e monumentos.
Esta nova medida de Google non supón que Google Earth quede de lado, pois a aplicación completa continúa a ter múltiples prestacións que van moito máis aló dun básico mapa, de xeito que serve para editar ficheiros KML, seguir rutas GPS, consultar o firmamento, visitar Marte, facer de simulador de voo e moitas cousas máis.
Google Earth intégrase nos mapas de Google
Compartir Este Artigo
