Onte tivo lugar a primeira sesión do Google I/O 2010, onde uns 5.000 asistentes de 66 países poden participar en numerosas sesións técnicas e ver presentación de grande interese, que durante este mércores tiveron coma nexo común o HTML5, tecnoloxía que promete ser o futuro da web en múltiples ámbitos que van dende a multimedia ata a creación de aplicación.
A principal novidade amosada por Google foi a nova Chrome Web Store, unha tenda de aplicacións web que funcionarán no navegador web Google Chrome (e, evidentemente, no futuro sistema operativo Chrome OS) e que parece alzarse como unha grande alternativa á App Store de Apple, de xeito que cada vez parece máis viable que distintos fabricantes poidan adoptar tecnoloxía de Google para lanzar tablets que poidan competir co iPad, en boa medida polas posibilidades que abre unha tenda de aplicacións multi-plataforma que estará dispoñible antes de rematar o ano.

Precisamente de cara á multimedia presentaron o novo proxecto WebM, novo formato de vídeo para a web baseado no codec VP8 para vídeo e o Vorbis para audio, alzándose como unha alternativa aberta ao H.264, e que podería ferir de morte ao estándar OGG Theora (que ten moitas dificultades para popularizarse). Resulta curioso que non só fabricantes coma AMD, ARM, nVIDIA, Qualcomm ou Freescale vaian apoiar este novo formato de vídeo, senón que a propia Microsoft tamén anunciou que vai incorporar soporte para o mesmo no futuro Internet Explorer 9, navegador web que promete apostar polos estándares web para facilitar o avance da web dende os escritorios con Windows. Polo momento WebM e VP8 non están soportados en móbiles con Android, aínda que agárdase que para o último trimestre do ano incorpórese este estándar coa chegada de Android 3.0.
Cómpre destacar que na principal keynote da tarde realizouse unha impresionante demostración dunha versión especial da revista Sports Illustrated, adaptada a soportes dixitais, dotada de alta interactividade e multimedia, e creada en HTML5, o que foi unha excelente proba do que permite esta tecnoloxía, posto que ata o momento as presentacións do mesmo estilo partían de aplicacións deseñadas en Flash ou programas nativos para o iPad.

Demostración en vídeo do funcionamento da revista Sports Illustrated na súa versión en HTML5 |
