O primeiro relatorio da tarde do xoves do Google I/O 2010 xirou ao redor de Android, sistema operativo móbil que chega á súa versión 2.2 alcumada coma Froyo, e que nas vindeiras semanas comezará a distribuírse entre os móbiles que actualmente gozan de Android 2.1 (dende HTC confirman que a meirande parte dos móbiles que puxeron á venda este ano contarán coa mencionada actualización, aínda que non concretan as datas).
Pero antes de meterse en fariña, a xente de Google quixo adiantar o estado do sistema operativo Android no mercado móbil, comentado que actualmente están presentes a través de 21 fabricantes en 48 países e con 59 operadores, con máis de 60 terminais distintos e con 100.000 móbiles activados cada día (cando no mes de febreiro tal cantidade era de 60.000, polo que o crecemento desta plataforma está a ser realmente impresionante).
Tras amosar a fortaleza de Android nos seus só 18 meses de vida, pasaron a adiantar o que achegará Froyo, que entre as súas novidades incrementa a súa velocidade de xeito considerable (especialmente no rendemento de Javascript e de certo tipo de aplicacións), novas solucións para usos corporativos (a través de distintas API e características de Exchange), unha API que permite facer copias de seguridade dos datos asociados a aplicacións, unha API de mensaxería que permite lanzar accións no móbil dende outros equipos apoiándose na nube, poder converter o móbil nun punto de acceso Wi-Fi, compartindo a súa tarifa de datos móbil (dependendo das operadoras se esta prestación vén ou non activada de serie), gozar dun buscador interno para aplicacións, mover aplicacións a tarxetas de memoria, configurar as aplicacións instaladas para a súa actualización automática e incluso poder instalar aplicacións de xeito remoto (a través da páxina web do Android Market).
Tamén dedicaron moitos comentarios á integración de tecnoloxía Flash en Android 2.2, tanto en páxina web coma en aplicacións nativas (ou sexa, que adopta tanto Adobe Player 10.1 coma Adobe Air). De todos os xeitos cómpre destacar que o soporte de Flash quedará limitado a procesadores ARM Cortex-A8 ou superiores, o que na actualidade limitaríase ao HTC Desire, o Nexus One, o HTC Incredible, o Motorola Milestone, Sony Ericsson X10, HTC EVO 4G e poucos terminais máis. As buscas por voz e a tradución baseándose no recoñecemento de voz tamén puideron verse en vivo.
Outra das características que resultaron máis rechamantes para a audiencia a posibilidade de utilizar o Android Market para instalar música no teléfono que estea almacenada no PC e que transferirase over the air, o que demostraron reproducindo música de iTunes mediante streaming.

Resumo das novidades presentes no Android 2.2 |
| Demostración do funcionamento de Flash 10.1 en Android |
