Pese ás reticencias de Apple na introdución da tecnoloxía Adobe Flash nos seus terminais, outras plataformas non poñen atrancos, e así Adobe Systems anunciou que o seu Flash Player 10.1 para móbiles deixa de estar en fase de probas e pasar a ser unha aplicación oficial que polo momento só está dispoñible para móbiles con Android 2.2, de xeito que nas vindeiras semanas poderá estar dispoñible para terminais coma o Nexus One, o HTC Desire, o Motorola Milestone, o Samsung Galaxy S e outros dispositivos. Tamén están a traballar na súa integración en terminais BlackBerry, webOS, Windows Phone, LiMo, MeeGo e Symbian OS, polo que dá a impresión de que o iPhone vai ser o único smartphone de alta gama sen soportar Flash.
Tras probar a versión definitiva de Flash 10.1 para móbiles Android podemos dicir que abre todo un mundo de posibilidades, pois moitos contidos inaccesibles ata o momento están agora ao alcance da man, aínda que esta vantaxe ten un lado escuro: as páxinas web que simplemente presentan banners publicitarios en Flash ven o seu rendemento no móbil claramente reducido, empeorando a experiencia do usuario. Así pois, está na man do usuario decidir se compensa ou non a adopción este tecnoloxía no móbil, tendo en conta que, aínda que de cara ao futuro exista un certo consenso sobre as bondades do estándar HTML5, o presente continúa a ter moito que ver coa tecnoloxía Flash, que serve especialmente para a reprodución audiovisual en multitude de páxinas web.
Estrean a versión final do Adobe Flash Player 10.1 para Android 2.2
Compartir Este Artigo
