Os problemas de recepción do sinal por parte do iPhone 4 ao colocar os dedos sobre unha parte en concreto do seu borde metálico (que fai de antena do terminal) están a crear moito rebumbio, de xeito que algúns estudos sosteñen que estamos ante un fallo de deseño do móbil, mentres que Apple asegurou inicialmente que estariamos ante un fallo do software do terminal, que non mediría ben a cobertura, de aí que veñen de liberar unha nova versión do firmware do iPhone (a iOS 4.0.1) para corrixir a fórmula que calcula a cobertura do móbil, cunha consecuencia vergoñante, pois o que pasa tras instalar a actualización é que, nas condicións antes mencionadas, o indicador de cobertura marca agora un par de raias cando na práctica o móbil perde a comunicación, de xeito que estariamos ante un cambio cosmético que podería considerarse coma un engano ao usuario.
As críticas ao iPhone 4 están a ser moi duras, e dende Apple víronse obrigados a convocar para este venres unha rolda de prensa especial na que informarán concretamente do iPhone 4, no que algúns agardan que sexa para anunciar que xa solucionaron o fallo do hardware e aos usuarios cos móbiles defectuosos achegaríaselles un bono por valor de 50 dólares co que poderían adquirir un bumper (valorado en 29 dólars) que evitaría os contacto dos dedos coa antena do móbil á vez que protexe o terminal de caídas.


