
No proxecto participaron ata un total de 11 institucións e empresas de Alemaña, Bélxica, Italia, España, Reino Unido e Suecia. Tras o acordo, os copropietarios do prototipo SmartLM e o seu posterior desenvolvemento e comercialización serán ATOS ORIGIN, compañía internacional de servizos de tecnoloxías da información, GRIDCORE, integrador de sistemas especializado en computación de altas prestacións e o Fraunhofer Institute for Algorithms and Scientific Computing (SCAI), a principal organización de institutos de investigación aplicada e desenvolvemento en Europa.
O prototipo desenvolvido coa colaboración do CESGA é unha solución aberta para a xestión de licenzas de software, «o primeiro sistema baseado en estándares abertos que permite a xestión elástica e distribuída destas licenzas», segundo sinala Andrés Gómez Tato, responsable de Aplicacións e Proxectos do CESGA.
As licenzas SmartLM pódense utilizar sen problemas en ámbitos de cluster locais, así como en ámbitos Grid e Cloud locais ou remotos, privados ou públicos e baixo as circunstancias particulares das Arquitecturas Orientadas a Servizos, con peculiaridades como a que destaca Gómez Tato ao asegurar que « noso sistema é que o usuario pode executar ese software licenciado para a súa institución noutra institución. Está pensado para ser totalmente operativo no novo paradigma Cloud».
SmartLM inclúe ademais outras características novas como unha seguridade mellorada acorde coas necesidades actuais das aplicacións protexidas por licenzas, mecanismos de autenticación e autorización avanzados para acceso a software en ámbitos Grid, e un portal de contabilidade e facturación automatizadas 100% fiables, desenvolvido no CESGA, que permite doadamente a adopción de modelos de negocio avanzados como o pagamento por uso en Grid e Cloud. Isto faino idóneo para industrias como a farmacéutica, as de finanzas ou as de entretemento.
O CESGA asinou un acordo de transferencia tecnolóxica para favorecer novas licenzas de software
Compartir Este Artigo
