Durante a inauguración do terceiro Máster de Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, o director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, animou aos alumnos da terceira promoción do a «traballar duro» para integrarse nun futuro próximo na Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), promovida polo seu departamento.
Na súa intervención durante a inauguración do curso, Capilla lembrou que os membros do primeiro grupo de xestores de innovación que serán contratados a mediados de outubro por PEME galegas co apoio económico da Xunta están a rematar a súa formación especializada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), a súa vez entidade colaboradora no Máster. Nestes momentos estase a completar tamén o proceso de validación e selección do máis de medio cento de empresas que incorporarán a estes profesionais, que segundo o director xeral de I+D+I serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) antes de que remate este mes.
Capilla anunciou aos alumnos do Máster que durante o seu curso asistirán a grandes novidades na política de innovación da Xunta de Galicia, xa que entrará en vigor o novo Plan Galego de I+D+I e porase en funcionamento o novo órgano de xestión encargado da súa execución, a Axencia Galega de Innovación. Segundo lles explicou, «o momento no que vos decidides a especializarvos nesta materia é moi propicio tanto para o voso desenvolvemento profesional como para a empresa galega, que precisa urxentemente de expertos que lle permitan sistematizar a innovación como vantaxe competitiva».
Bota a andar unha nova edición do Máster de Creación, Dirección e Innovación na Empresa
Compartir Este Artigo
