Tras o Consello da Xunta desta semana, o presidente Núñez Feijoo, na súa comparecencia ante os medios, avanzou que os ordenadores do programa ABALAR comezarán a repartirse o mércores.
No Consello asinouse unha addenda entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio do ramo para dar continuidade ao convenio Escuela 2.0. Este compromiso, asinado por primeira vez en decembro de 2009, persegue a integración das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) nos centros educativos, que prevé o uso personalizado dun ordenador portátil por parte de cada alumno e a transformación das actuais aulas en aulas dixitais.

O obxecto da sinatura da addenda hoxe aprobada polo Consello da Xunta é o de establecer os mecanismos para a continuación deste devandito convenio, con novas achegas económicas e os correspondentes compromisos de extensión do programa.
Deste xeito, ABALAR aspira a achegar as TIC a máis de 1000 centros educativos e 87.000 alumnos ao longo desta lexislatura.
Ademais da dotación de equipamento e infraestruturas aos centros educativos, ABALAR fomenta a participación de todos os membros da comunidade educativa no uso das TIC, fundamentalmente a través do portal EspazoABALAR. Ademais, o plan recolle a posta en marcha de accións formativas para que o profesorado poida ter o maior aproveitamento didáctico destes recursos dixitais dispostos na aula.
O mércores comezarán a repartirse os ordenadores do programa ABALAR
Compartir Este Artigo
