
O equipo, dirixido polo profesor Francisco Guitián, céntrase no deseño destes cristais fotónicos e no estudo da circulación da luz nestes dispositivos a escala microscópica. O traballo, inserido nos novos eidos de investigación da nanotecnoloxía (ciencia do miúdo), inclúe un estudo en detalle do comportamento da luz sobre estes materiais, abrindo as portas dun novo elemento para a transmisión dos datos, diferente do que coñecemos nas redes actuais (sinais eléctricos a través de fíos).
Así nolo explica o profesor Álvaro Gil González, un dos responsables do proxecto: “A día de hoxe, a posibilidade de elaborar materiais que permitan controlar o fluxo da luz ten dado lugar á idea de desenvolver dispositivos ópticos que poidan procesar información empregando só luz visible ou infravermella, substituíndo así os electróns como transmisores e procesadores de información”.
Segundo explican estes investigadores, os cristais fotónicos representan un novo tipo de materiais que fan posible controlar o fluxo da luz a escala microscópica. Caracterízanse por estaren ordenados como se tivesen unha estrutura cristalina na que se pode prohibir a propagación da luz en todas as direccións. “Trátase de materiais moi ordenados pero se no seu interior se conseguen introducir defectos que rompan a xeometría do cristal, entón nesas rexións faise posible a condución de luz”, explican. Así, “pódese guiar a luz de maneira controlada a través do material, de xeito máis eficiente que no caso da fibra óptica”, manifesta.
Toda esta liña de investigación, que ten potencial para a posta en funcionamento de novos circuítos ópticos de información, chips fotónicos ou mesmo as redes de datos dos ordenadores, tópase arestora cunha gran dificultade: a fabricación dos cristais. Neste senso, o equipo da USC afonda no deseño de métodos que permitan construír estes materiais de xeito industrial.
Investigadores da USC traballan no deseño de cristais fotónicos como alternativa á fibra óptica
Compartir Este Artigo
