En maio, a avogada xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, Verica Trstenjak, concluía que a aplicación española da compensación por copia privada coñecida popularmente coma canon dixital era ilegal por ser indiscriminada, e agora o propio Tribunal coincide no criterio, de xeito que estima que non poden gravarse os dispositivos e soportes de gravación con independencia da súa finalidade, o que na práctica tradúcese en que empresas e profesionais non deberían soportar este tipo de gravame por non destinar os seus equipamentos para a realización de copias privadas.
Este ditame refírese a un litixio que enfronta á Sociedade Xeral de Autores (SGAE) coa empresa Padawan, S.L., á que a entidade de xestión de dereitos de autor reclama 16.759,25 euros por copia privada correspondente a dispositivos comercializados pola empresa entre setembro de 2002 e setembro de 2004, que levou á Audiencia Provincial de Barcelona a preguntar ao Tribunal de Xustiza da U.E. se o sistema de gravame español é conforme coa normativa comunitaria.
O Tribunal de Xustiza comunitario sostén que o canon dixital español só é compatible coa normativa europea «en caso de que os equipos, aparellos e soportes de reprodución en cuestión poidan utilizarse para realizar copias privadas e, polo tanto, poidan causar un prexuízo aos autores de obras protexidas» de xeito que «a aplicación indiscriminada do canon (..) incluído o suposto de que estes sexan adquiridos por persoas distintas das persoas físicas para fins manifestamente alleos á copia privada, non resulta conforme coa directiva».
No caso do uso por parte de persoas físicas, en cambio, o Tribunal considera que «non é preciso verificar en modo algún que estas realizaran efectivamente copias privadas nin que, polo tanto, causaran efectivamente un prexuízo aos autores de obras protexidas», o que creou un grande rexeitamento social dende a aplicación do canon dixital, e que manterase segundo o criterio comunitario, que sostén que «a mera capacidade dos equipos ou dispositivos para realizar copias privadas basta para xustificar a aplicación do canon por copia privada» no caso de usuarios privados.
Pero cómpre destacar que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea deixan en mans da Audiencia de Barcelona a sentenza sobre o caso contra Padawan, S.L., de xeito que non podemos entender que o ditame actual teña unha consecuencia directa sobre o modelo de aplicación do canon, aínda que é de agardar a súa revisión ante a súa incompatibilidade coa Directiva 2001/29/CE.
Determinan ilegal o canon dixital español para empresas e profesionais
Compartir Este Artigo

