O día de hoxe «marca un antes e un despois na historia da Universidade de Vigo, de Galicia e da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal» en palabras do reitor Salustiano Mato, que non pode disimular a súa «satisfacción e orgullo» pola selección do proxecto Campus do Mar como Campus de Excelencia Internacional de ámbito rexional (CEIR) acadando a máxima cualificación dun comité de expertos, así como a máxima dotación económica: 5,3 millóns de euros.
A resolución da comisión avaliadora internacional encargada de valorar os proxectos certificou que o Campus do Mar «é un programa ben orientado, de calidade, cunha delegación estratéxica forte e enorme proxección de futuro», salientou o reitor, ao tempo que explicou que agora se abre un período de cinco anos nos que a Universidade de Vigo, xunto coas outras universidades galegas e do Norte de Portugal, o Instituto Español de Oceanografía e o Consello Superior de Investigacións Científicas deberán converterse «no epicentro da universidade do mar en Europa».

Para o conselleiro «estamos diante do trunfo da unión entre as tres universidades (galegas xunto a outras portuguesas máis o CSIC ou o IOE) nun proxecto común que vai servir para integrar os mundos da I+D+i, da empresa, da excelencia e da cooperación, en torno aos ámbitos mariño e marítimo».
Na mesma liña, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, avaliou de xeito moi positivo o recoñecemento para o Campus do Mar, que considera que «é un nomeamento xusto, traballado e merecido para unha excelente Universidade como é a Universidade de Vigo, e para todo o Sistema Universitario galego».
Logo de recalcar o apoio do Goberno autonómico á iniciativa que lidera a Universidade viguesa, e que se suma ao acadado recentemente polo Campus Vida da Universidade de Santiago, Núñez Feijoo salientou que dita aposta queda plasmada no Orzamentos da Xunta para o vindeiro ano ao asegurar que «fixemos un esforzo neste Orzamento de manter os fondos das Universidades e que non lles afecte a obrigada redución do gasto público ao que se somete o Goberno galego por responsabilidade».
Recoñecen a excelencia do Campus do Mar da Universidade de Vigo
Compartir Este Artigo
