A plataforma de televisión por satélite Digital+ incorpora conexión á Internet aos seus receptores para ofrecer servizos personalizados como Digital+ A la Carta (para recuperar contidos que xa non están en emisión) e Digital+ Videoclub (que comezará en probas esta semana e permitirá o aluguer dun completo catálogo de películas e series á carta).
Digital+ Videoclub quere converterse nunha biblioteca audiovisual con centos de películas e series de televisión completas, incluíndo tanto as que se emiten en aberto como as que están só dispoñibles a través de canles de pagamento, cunha velocidade de descarga rápida e permitindo que o espectador poida ver os vídeos ata 30 días despois da súa descarga (e durante 48 horas dende o comezo da súa reprodución).
Digital+ A la Carta será un servizo sen custo adicional para os preto de 1,8 millóns de aboados a Digital+, mentres que Digital+ Videoclub terá un custo en función da súa calidade (definición estándar ou alta definición) e tipo de contido (película de estrea ou serie de televisión) de xeito que os capítulos das series de televisión terían un prezo de 1,99 euros e as películas custarán dende 1,99 euros se corresponden ao fondo de catálogo e 3,99 euros de seren estreas. En caso de descargarse en alta definición habería que engadir un euro por película ou episodio.
Para gozar destes novos servizos é preciso contar co receptor iPlus, que actualmente está en máis de 350.000 fogares, agardando chegar ao medio millón ao remate do ano. O dispositivo conta con conectividade Ethernet, e aínda que no futuro podería integrar Wi-Fi, actualmente recomendan a tecnoloxía PLC para conectar o trebello á Rede de estar lonxe do router doméstico que permite o acceso á Internet.
Digital+ súbese á Internet para achegar contidos á carta
Compartir Este Artigo
