
“Deste xeito”, engade AGASOL, “o catálogo non só pon en xogo unha simplificación da sempre complexa tarefa de investigación sobre solucións tecnolóxicas, senón que tamén fornece unha canle para fortalecer os lazos entre as empresas TIC galegas e o resto do noso tecido empresarial”.
Sobre o miolo e estrutura do propio documento, dicir que vén artellado en seis apartados e nunha descrición exhaustiva das vantaxes do código aberto para as empresas e dos xeitos que temos de acceder a estes programas. Inclúe unha introdución a xeito de guía de uso do catálogo e de explicación da natureza do software libre, e tamén incorpora un apartado chamado situacións no que se dá conta, empregando preguntas e respostas, das alternativas existentes na actualidade de programas abertos e de cales son os casos máis axeitados para cada unha.
O terceiro capítulo achega a listaxe das 28 empresas que integran a entidade AGASOL, incluíndose datos de contacto, emprazamento e un resumo das súas liñas de negocio e servizos. O cuarto apartado é unha relación de case un centenar de produtos libres xurdidos do miolo das devanditas empresas galegas. Esta sección incorpora descricións dos servizos, funcionalidades, potencialidades, tipos de licenzas, empresas que lles dan apoio e soporte, etc. Todo isto compleméntase cunha “táboa cruzada de empresas e categorías que permite relacionar dun xeito rápido e visual as empresas e categorías de produtos e servizos que ofrecen”, informan os responsables do documento. Como remate, este achega un mapa no que se indican onde están emprazadas as empresas para que o lector saiba cales son as que ten máis próximas para acceder a solucións de software libre.
O catálogo está dispoñible nas webs www.mancomun.org e http://imit.xunta.es.
Fomentar o coñecemento do software libre nas pemes
Segundo conta AGASOL, o presente catálogo de produtos e servizos en software libre foi realizado pola asociación empresarial ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Secretaría Xeral de Modernización da Xunta dentro das liñas de actuación do Plan de acción 2010 para fomentar o uso de programas abertos entre sector empresarial, “liña que se mantén para o presente ano”. Sobre as vantaxes do plan e, por extensión, das propias ferramentas informáticas libres, AGASOL teno ben claro: “Se o uso das TIC é de por si unha excelente ferramenta para aumentar a eficiencia e innovación das empresas, as tecnoloxías con software libre achegan numerosas vantaxes adicionais, xa que facilitan o aliñamento da oferta do sector galego coa demanda do noso tecido empresarial, a xeración de emprego cualificado nas empresas TIC galegas”. Asemade, os servizos e ferramentas libres contribúen a xerar un tecido tecnolóxico-dixital apoiado no coñecemento, con meirandes capacidades de abranguer mercado exterior e interior. A maiores, informa AGASOL, as tecnoloxías abertas están a demostrar que son unha excelente alternativa de saída para os novos empresarios, amais dun elemento clave de diferenciación para as empresas xa consolidadas.
