Modernización aposta forte polo uso do software libre no noso país

mércores, 9 de marzo do 2011 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, da man da súa máxima responsable, Mar Pereira, aproveitou a xuntanza que mantivo hoxe cos principais axentes do sector FLOSS galego en Santiago de Compostela, para presentar o seu Plan de Software Libre 2011, co que, entre outras cousas, tentará darlle pulo ao uso de fontes abertas na sociedade en xeral, facendo especial fincapé no sector empresarial, que se beneficiará directa e indirectamente das vantaxes que aportan este tipo de programas.
Este Plan, que conta cunha dotación de 865.000 euros, contempla a execución de máis de 120 actuacións en colaboración coas asociacións galegas de usuarios e empresas de software libre e, como non podía ser doutra maneira, coas tres universidades galegas.
Nesta xuntanza, á que tamén acudiu o subdirector xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións, Adrián Lence, a Xunta fixo balance das accións levadas a cabo en 2010 en materia de fontes abertas e entre todas elas, destacou a posta en marcha dunha eAdministración máis efectiva, (que precisamente pasa por promover a relación telemática coa cidadanía a partir de tecnoloxía baseada en software libre) e a continuación do Programa educativo Abalar, baseado na implantación de aulas totalmente dixitalizadas empregando para elo Netbooks con software non privativo instalado.
Adrián Lence, que fixo un repaso polo miúdo das iniciativas que se levarán a cabo da man de Modernización para promover o uso de código aberto no noso país, apuntou que o seu desexo “é conseguir que as accións en torno ao software libre que xurdan en Galicia teñan visibilidade estatal e internacional”; para isto, anunciou, “será necesario promover a implantación efectiva de estándares abertos en toda a Comunidade”.
Asemade, na reunión formalizouse a adhesión da Xunta ao Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, CENATIC, a través da sinatura dun documento oficial por parte da secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e do director da devandita entidade, Miguel Jaque.
Durante a súa intervención, Jaque salientou a importancia que ten para a sociedade a incoporación de Galicia ao Padroado de CENATIC, xa que baixo o seu punto de vista, “é un feito clave, en boa medida porque a experiencia galega en software libre merece ser trasladada a outras Comunidades”.
Esta iniciativa reportará, asemade, beneficios xerais inmediatos para toda a cidadanía, para as Administracións e para o propio software libre, posto que, en palabras de Jaque, “se a Xunta apoia ao código aberto de forma tan explícita, a sociedade asumirá mellorar a normalización no uso de software libre”; isto traducirase, a curto prazo, en novas iniciativas a nivel estatal neste eido e na mellora da colaboración entre Comunidades Autónomas, compartindo e reutilizando as mesmas fontes de código liberado.
Mar Pereira tamén mostrou satisfacción pola sinatura deste convenio e asegurou que “con esta adhesión, pasamos a ter voz e voto no fomento do software libre a nivel estatal”.
O acto, que deu moito de si, tamén serviu para que a Oficina de Coordinación FLOSS anunciara a posta en marcha dun servizo de asesoramento sobre ferramentas de software libre para as necesidades TIC dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia.
Xa en 2010 este departamento elaborara unha guía de obrigado cumprimento sobre as Políticas de uso de formatos nos documentos que se publican nas webs da Administración autonómica, e agora, durante 2011 estas políticas recibirán o impulso apropiado “para que progresivamente se vaia incorporando o seu uso na xestión interna diaria da Xunta de Galicia”.

Software libre na empresa
<Para impulsar a uso do software libre no ámbito empresarial o Plan 2011 prevé varias actuacións, entre as que destaca a publicación dun Catálogo de produtos e servizos de software libre para empresas.
Trátase dun documento elaborado durante o pasado ano pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) que ten como obxectivo facilitar o acceso das empresas a aquelas solucións tecnolóxicas do seu interese baseadas en software libre.
Por outra banda, tamén ao longo deste ano, a Xunta contará co Centro Demostrador TIC para PEMES, que porá a disposición das pequenas e medianas empresas galegas unha carteira de servizos con solucións tecnolóxicas baseadas en software libre.
Por último, e continuando coas actuacións iniciadas durante o ano pasado, en 2011 potenciarase o servizo integral para a peme galega para que poidan dispoñer, desde a Xunta, dun punto de referencia onde coñecer solucións baseadas software libre.


Software libre entre a cidadanía
Como apuntamos ao comezo deste artigo, outra das actuacións que contempla o Plan de Software Libre 2011 é levarlle a toda a sociedade galega, sen excepcións, os beneficios e vantaxes que aportan os programas baseados en fontes abertas, e para isto, a Xunta escolleu ao portal Mancomún como o “encargado de seguir a actualidade da comunidade FLOSS en Galicia” e dar conta das novas de interese e casos de éxito que vaian xurdindo neste eido.
Isto potenciará o coñecemento e uso dos programas libres por parte da cidadanía ao tempo que se contribúe ao fomento da tradución ao galego destes aplicativos.
No tocante á formación específica, a Administración prevé a organización de cursos tanto para os empregados públicos como para a cidadanía en xeral, a través da EGAP e da Rede CeMIT, respectivamente.

Colaboración cos axentes implicados
Coordinar as accións de promoción e difusión do FLOSS entre os axentes implicados é outro dos aspectos clave do Plan de Software Libre presentado hoxe.
Neste senso, a Xunta asinará un convenio coa Universidade de Vigo para a realización do Máster Universitario en consultoría de Software Libre e outro coa Asociación Galega de Usuarios de Software Libre AGUSL. Tamén, e xa por último, renovará os convenios asinados coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre AGASOL, para levar a cabo un proxecto mediante o que formará a empresas TIC para a implantación do software Navalplan, entre outras cousas.