
O encontro divulgativo, no que participaron varias ducias de profesionais e empresarios do sector galego das novas tecnoloxías da información, dirixiuse a pór de relevo novos métodos e servizos para a busca de espazos de actividade empresarial e de cooperación, neste caso concreto en Iberoamérica, avaliándose e salientándose o bo punto de partida no que se atopan as nosas empresas para espallar o seu eido de acción alén do Atlántico. Xa nun plano máis concreto, a xornada (que se desenvolveu na sede da CEG na rúa do Vilar), serviu para amosar as vantaxes e posibilidades de programas como Cooperatic ou Iberoeka, ámbolos dous compartindo o obxectivo de axudar ás empresas que queiran abrirse camiño alén do seu ámbito natural de acción.
Polo que atinxe ao primeiro destes programas, dicir que vén da man de CONETIC (Confederación Nacional de Empresas TIC) e dunha serie de asociacións do sector entre as que se conta Ineo, todas elas coincidindo nun punto común: os negocios e a innovación no exterior danse mellor en compaña. A iniciativa Cooperatic, que foi debullada por Paula Lema, é un conxunto de servizos de apoio para as empresas na súa saída ao mercado exterior, salientándose ao seu abeiro as vantaxes do traballo en común, ombro con ombro, ao tempo que se fan estudos sobre que países ou escenarios son máis atractivos e teñen máis potencial de crecemento. O piar fundamental é pois a cooperación.
Outro dos obxectivos é prover encontros e comunicacións directas con expertos nos mercados de destino ou con empresarios deses países nos que se busca unha estratexia de afianzamento. Asemade, organízanse cada pouco xornadas informativas, xuntanzas con expertos, quendas de networking. O programa ten o aval das 1.700 empresas que integran CONETIC.
Sobre Iberoeka, presentada por Javier Echavarri (Dirección de Mercados Innovadores Globais do CDTI), dicir que non é a primeira vez que se presenta na nosa terra, xa que recentemente os membros de Ineo tiveron ocasión de establecer tomas de contacto directas nunha sesión divulgativa celebrada en Vigo. O programa oriéntase a facilitar o acceso das empresas a mercados de alén do Atlántico, axudando ás empresas que se integren na iniciativa a elixir os socios que mellor lles conveñan e achegando axuda, asesoramento e recursos sobre financiamento en España e noutros países. A proposta apóiase nunha das grandes características do sector TIC, da que tira partido arreo: a súa gran tradición cooperativa con respecto ao que acontece noutros eidos de actividade.
Iberoeka conta co aval de que no seu seo participan 21 países, todos os cales achegando achegando cadansúa entidade xestora do programa. Entre os obxectivos da iniciativa, xa nun plano máis concreto, inclúese estreitar a colaboración entre empresas e centros de investigación, aumentar a competitividade e a produtividade e contribuír claramente ao desenvolvemento de novas ferramentas e recursos tecnolóxicos que axuden a poñer ao ámbito iberoamericano na punta de lanza da vangarda dixital.
Amais dos representantes das dúas redes de apoio á internacionalización devanditas, a xornada de Ineo celebrada en Compostela contou coa presenza de J. Luis González (Servizo de Licitacións Internacionais da CEG), Alberto Abella (socio de Rooter, dando conta da Guía de Factores básicos de cooperación en I+D para as empresas TIC), Lucía Gregorio (directora xeral de Ineo) e Javier Balbín (director de Comercio Exterior de Banco Sabadell), entre outros.
Os programas de axuda para afianzármonos en Iberoamérica, ao descuberto en Compostela
Compartir Este Artigo
