
O evento, que se desenvolve baixo o epígrafe As TIC e a economía social, terá lugar en Vigo, inserido no programa Foro Ineo da Sociedade da Información, dando comezo ás 10.00 horas no auditorio do Club Financeiro de Vigo. A xornada abrirase cunha ollada a varios exemplos prácticos de actividade produtiva solidaria e sustentable, como os postos en marcha polas firmas galegas Galega de Economía Social e Tagen Ata Lingua e Comunicación.
Segundo informa Ineo, a cita tamén contará coa presenza de expertos académicos en materia de economía social, é o caso de Rafael Álvaro Millán Calenti, o profesor da Universidade de Santiago, quen dirixirá un debate baixo a seguinte premisa: Pode a miña empresa operar baixo o réxime de economía social? Por certo que esta sesión, coma se dunha comunidade 2.0 se tratase, estará aberta ao diálogo directo entre asistentes e empresas participantes.
Máis sobre esta vertente comprometida dos negocios
As empresas de economía social, informa Ineo, operan rexidas polos principios de participación democrática nas decisións, a autonomía da xestión e a primacía do ser humano sobre o capital. As prácticas destas organizacións circunscríbense nunha nova racionalidade produtiva, onde a solidariedade é o sostén do funcionamento das iniciativas. Estas entidades son organizacións competitivas, xeradoras de emprego e que resolven crises sectoriais ou territoriais grazas a súa capacidade colectiva de reaccionar fronte aos problemas sociais ademais de estaren comprometidas co territorio: non se deslocalizan de onde naceron.
Estamos a falar, prosegue a organización empresarial galega, de entidades que potencian o espírito emprendedor das persoas,e que integran entre os seus traballadores a persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
