A comunidade LulzSec de expertos en seguridade informática (ou, mellor dito, de expertos en rebentar seguridade informática) vén de informar da filtración dunha listaxe con 750.000 nomes de usuarios e demais informacións persoais, incluíndo as claves coas que acceden a diferentes servizos da Internet. A nova, reflectida entre outros medios polo Laboratorio de Ontinet.com, sinala a que a devandita información puído ser recollida dun bo número de fontes, entre as que se contan hackforums.net, nato-bookshop.org e algún que outro foro de xogadores. Segundo fixo saber LulzSec, teoricamente responsable de todo isto, os datos xa están a disposición de toda a comunidade internauta, en libre acceso e á vista para quen queira velos.
O interese non será moi grande para un bo número de usuarios, pero pon de manifesto o desprotexidos que están moitos escenarios en liña. Entre o subtraído e posteriormente exposto atópanse datos persoais de acceso a diferentes servizos web, sobre todo de xogos, entre os que salientan os Battlefield Heroes Beta.
Ante a constatación de que unha boa parte do amosado provén do ámbito estatal, Ontinet.com xa procedeu a achegar unha serie de recomendacións, entre as que se conta revisar o noso enderezo de correo electrónico para comprobar se foi hackeado (podemos facelo a través de Dazzlepod), cambiar os contrasinais de acceso aos servizos máis comúns que empreguemos ou facer unha análise fonda do noso computador na procura de troianos ou outro tipo de ameazas.
LulzSec publica unha listaxe cos datos persoais de centos de milleiros de internautas
Compartir Este Artigo
