Telefónica vén de nomear novo director en Galicia a Francisco Javier Rodríguez, enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade de Vigo e natural de Redondela. O novo responsable da operadora na nosa terra ten unha ampla experiencia no noso sector tecnolóxico-dixital, precisamente o escenario onde desenvolveu a súa vida profesional por enteiro. O nomeamento de Rodríguez, informa a empresa de telecomunicacións, coincide cunha reestruturación organizativa no seo da compañía, reformulación que vai dirixida, engade nun comunicado, “a un achegamento maior da compañía con respecto aos seus clientes”.
Ao abeiro desta estratexia, dótase á nosa terra dunha meirande autonomía de xestión, orzamentaria e de desenvolvemento de proxectos. A este obxectivo, precisamente, responde o nomeamento de Rodríguez.
En base a isto, a nosa terra pasa a estar integrada no territorio Norte, dirixido por Javier Zorrilla e formado ademais por Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra, Aragón e A Rioxa. Este novo territorio terá responsabilidade sobre a súa propia conta de resultados, sobre a xestión comercial e as vendas e está organizado por tres piares básicos: Gran Público, dirixido por Ignacio Aller; Empresas, dirixido por Óscar Alegría; e Asistencia Técnica, dirixido por Carlos San Paulino.
“A incorporación de Francisco Javier Rodríguez”, engade Telefónica, “en paralelo aos devanditos cambios estruturais e funcionais, reforzará o compromiso da empresa en Galicia, onde só entre 2006 e 2010 investiu 508 millóns de euros, tanto en telefonía fixa como en telefonía móbil, e onde se implica en proxectos estratéxicos como o que a día de hoxe, da man da Xunta, está a levar banda larga de entre 6 e 30 megas a 400 novos núcleos de poboación do rural, onde viven máis de 80.000 persoas”.
Francisco Javier Rodríguez, novo director de Telefónica Galicia
Compartir Este Artigo
