O centro Gradiant de investigación tecnolóxica comeza esta semana de xuño a acoller diferentes actividades formativas e divulgativas de verán ligadas ao eido mariño e ás TIC. Máis en detalle, as accións arrancan este mércores coa visita da primeira quenda de estudantes de cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato ás instalacións do centro tecnolóxico-dixital, emprazado no Campus de Vigo. Os visitantes, pertencentes a institutos de toda a Península, coñecerán de primeira man o traballo dos profesionais de Gradiant, “familiarizándose con aquelas tecnoloxías de meirande proxección nun contorno mariño e participando de diversos retos de cara a espertar a súa curiosidade e creatividade”.
De feito, a investigación oceánica e a busca de tecnoloxías que nos faciliten ese coñecemento serán os eixes temáticos da actividade, organizada polo Campus do Mar e Gradiant e promovida pola FECYT, dentro do programa Campus Científico de Verán. Do que se trata, informan dende o centro galego de I+D, é de que “os estudantes descubran por si mesmos que o eido mariño dá acubillo a numerosas problemáticas que poden ser resoltas con tecnoloxías da información e das comunicacións”. Entre os participantes atópase Carlos Mosquera, responsable da actividade en Gradiant, que confía en que esta sirva para a comunidade estudantil “entenda que a creatividade, o traballo en equipo e a experiencia técnico-científica son fundamentais para abordar proxectos de gran valor engadido”.
Gradiant amosa a partir deste mércores o potencial das TIC na investigación mariña
Compartir Este Artigo
