Quen máis quen menos, a estas alturas, ten pasado algunha vez pola experiencia de terlle certa envexa ao acceso Wi-Fi do veciño, sobre todo cando o presuposto non dá para cubrir unha conexión propia ou, simplemente, cando esta conexión propia deixa sen servizo durante horas malia necesitarse máis ca nunca. De aí, de ter esta envexa, a lanzármonos a roubar o acceso lindeiro doutra familia non hai moita distancia. Todo depende da nosa necesidade e do ben ou do mal que nos caia o veciño en cuestión. En fin, que para consolármonos, nada mellor que botar unha ollada ás estatísticas sobre esta cuestión, datos que vén de publicar o INTECO e que sinalan que o 8,7% dos usuarios de a pé que se conectan á Internet a través de redes sen fíos, róubanlles o Wi-Fi aos fogares lindeiros.
O estudo, que reflicte polo miúdo El Progreso, tírase de información rexistrada en 2010, no seu último trimestre, polo que é (aínda) relativamente fiable. De feito, de termos que facer unha revisión dos datos, é probable que descubríramos que as cifras actuais son maiores, posto que a máis número de internautas con novos computadores con tarxetas de conexión sen fíos incorporadas, máis potencialidade de roubo. E máis aínda tendo en conta que a compra de móbiles con internet incrementouse e arredor da metade dos usuarios destes aparellos xa ten Wi-Fi no dispositivo, un 18,3 máis que con respecto ao período previo. O feito de que a cifra de persoas que confesaron terlle collido prestada a conexión sen fíos a terceiros se situara no devandito período nun 8,7 significa un medre do 1,8 con respecto á porcentaxe resultante do ano anterior. Asemade, sinalar que entre as persoas que fozan no Wi-Fi alleo, máis da metade dixo que o fai cando o precisa e en calquera lugar; arredor dun terzo dos enquisados dixo que só se mete nestes accesos para certas operacións e o 19,2% faino cando non hai contrasinais de por medio.
Medra o número de internautas que collen emprestado o Wi-Fi da veciñanza
Compartir Este Artigo
