
Os cursos de apertura foron Mañás de verán e Aprendemos xogando. Os vindeiros días, engade a Deputación, proseguirán os campamentos, máis polo miúdo ata a xornada do 26 de agosto.
Arestora, todas aquelas familias que queiran inscribir aos seus cativos nas actividades poden formular a solicitude a través do correo inlugo@deputacionlugo.org, ou ben chamando ao número de teléfono 982 22 51 86. Segundo informa In Lugo, o número de prazas por cada actividade é de 10 persoas co fin de conseguir que a participación sexa o máis “eficaz posible”.
As actividades, que se desenvolven no propio In Lugo, emprazado no segundo andar da Escola de Imaxe e Son da capital lucense, son as seguintes: – Tarxetas de felicitación. Os participantes inscritos realizan tarxetas de felicitación personalizadas a través de internet e do procesador de textos, conseguindo deste xeito que se introduzan de forma lúdica e divertida no uso das novas tecnoloxías. Impártese os luns de cada semana. – Aprendemos xogando. Este curso está divido en dúas partes, na primeira explícase o emprego das novas tecnoloxías, usando a plataforma de baile, xógase coa cámara web, e coñécese o uso do bolígrafo dixital ou libro electrónico. Nunha segunda metade, os asistentes poden personalizar debuxos, camisetas, chapeus ou calquera prenda de vestir empregando o papel transfer. Celébrase os martes e os xoves. – Mañás de verán. O obxectivo é que os rapaces coñezan tanto os xogos tradicionais como as últimas novidades dos videoxogos, ó mesmo tempo que aprenden valores como traballar en equipo ou o compañeirismo. Desenvólvese os luns e os mércores de cada semana.
Máis cursos
Ademais desta programación, infórmase dende o órgano provincial lucense, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia continúa a desenvolver a programación deseñada para este mes. Son 7 obradoiros e seminarios que, de xeito totalmente gratuíto, achegan as vantaxes das novas tecnoloxías ós lucenses co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida. Dende o 11 ó 15 de xullo estase a desenvolver o de Iniciación á Informática, en horario de 16:00 a 18:00 horas, no Centro de Innovación Social, e o de Fotografía Dixital, que se insire dentro da programación itinerante. Este impártese polas tardes, de 16:00 a 18:30 horas, no telecentro de Becerreá.
